Venres. 03.05.2024
El tiempo

Vimianceses e fisterráns marcharon de roteiro

Vimianceses e fisterráns marcharon de roteiro

Chega o bo tempo e as rutas de sendeirismo convírtense en costume. Esta pasada fin de semana foi triple a sesión. Ademais do II Roteiro reivindicativo polo Río Xallas, o Concello de Vimianzo organizaba a segunda das 4 rutas destes meses; e os socios da AC Anchoa fixeron unha camiñada costeira dende Touriñán ata o Cabo Fisterra;

Da Anchoa a Touriñán

Unhas 15 persoas da AC Anchoa de Fisterra, percorreron toda a costa entre o Cabo Touriñán ata o propio cabo fisterrán. Impresionantes os Nemiña, a ría de Lires, Canosa, A Mexadoira, O Rostro, Arnela, o Cabo da Nave, Mar de Fóra, A Insua, Monte do Facho ata rematar no Cabo Fisterra. Todo un día de caminata costeira.

De Vimianzo ás Fragas do Eume

Fermosa a Ruta polo río Belelle organizada polo Concello de Vimianzo. Un total de 60 sendeiristas tomaron parte na segunda ruta organizada polo concello durante esta temporada.

A ruta descorreu entre os concellos de A Capela das Neves e Neda. Foron un total de 16 quilómetros nos que os participantes tiveron ocasión de percorrer parte do curso do río Belelle e contemplar a gran fervenza que se forma case na desembocadura do río. O bo tempo acompañou a expedición durante case todo o percorrido, aínda que faltando pouco máis dun quilómetro para rematar descargou unha tormenta que viña ameazando con anterioridade. Finalmente acabaron mollados pero satisfeitos de poder desfrutar dunha ruta tan fermosa que rematou nunha fantástica fervenza.

Vindeiras rutas

Aínda quedan por realizar dúas rutas que se enmarcan dentro do programa de sendeirismo que o Concello de Vimianzo organizou para esta temporada. A seguinte cambia de data xa que estaba prevista para o sábado 11 de xuño, pero finalmente farase o domingo 12. É unha ruta costeira entre as localidades de Ponteceso e Corme, de 23 quilómetros na que visitaremos sitios tan emblemáticos coma a casa de Eduardo Pondal, o Monte Branco, Balarés, Punta Roncudo,…

Finalmente o día 25 de xuño pecharán a temporada cunha ruta polo Concello de Vimianzo. Serán 18 quilómetros entre O Mosquetín (onde visitaremos os Batáns) e o Castelo de Vimianzo. En Señoráns collerán un desvío para visitar a Torre da Moa (Traba) dende onde se pode contemplar unha fermosa vista da Costa da Morte.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios