domingo. 09.02.2025
El tiempo

Volven pedir no Parlamento incluír o mergullo con aire para a extracción de bivalvos en Fisterra

Oscar Insua na Comision do Parlamento
Oscar Insua na Comision do Parlamento
Volven pedir no Parlamento incluír o mergullo con aire para a extracción de bivalvos en Fisterra

O deputado do BNG Oscar Insua reclamou onte na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo, modificar o Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidos para a extracción profesional dos recursos mariños vivos, e desta forma incluír o mergullo con subministración con aire dende superficie como unha das técnicas autorizadas para a extracción de moluscos bivalvos.
Con todo, a iniciativa non saíu adiante polos votos en contra do PP.

“Os mergulladores de Fisterra levan anos solicitando á Consellería do Mar a aprobación dun plan experimental de explotación para mariscar a ameixa na praia da Langosteira co sistema de subministración de aire dende superficie” subliñou Insua. Hoxe o plan de explotación en Fisterra existente para moluscos bivalvos é o PE403A 2023/1-1, para os Bancos infralitorais da praia de Langosteira e para coller a ameixa babosa, rubia, cornicha e ameixón, “máis só coa modalidade de embarcación coa arte do Raño” apuntou. 

O deputado do BNG advertiu que esta arte do raño e segundo manifestan os mariscadores, “provoca a moi curto prazo lesións musculares de todo tipo, dende tendinites a dislocacións, dores de costas, cervicais, ombros e pulsos, etc. polo que provoca un número alto de baixas médicas, paralizándose a actividade”.
Oscar Insua explicou que isto prodúcese porque a diferencia do que ocorre noutras zonas onde se explota co raño, no caso da praia da Langosteira, “os recursos marisqueiros encontrase a moita máis profundidade”, chegando a superar os dez e quince metros, ademais de que o substrato da costa non é igual en todos as subzonas, o que se fai mais complicado o manexo dos aparellos e implica un maior esforzo que se estiveran entre dous e catro metros, de aí que só o ano pasado fora só unha embarcación a que participou neste plan de explotación.

A técnica de mergullo con subministración de aire, ademais de evitar todo tipo de lesións musculares, “é óptima para realizar unha explotación respectuosa coa biodiversidade do medio mariño”, xa que permite escoller in situ só os moluscos que “dan a talla, evita a sobreexplotación nas subzonas do plan, e por suposto axuda a controlar e solucionar mellor os problemas que se perciben no propio medio” sinalou.

Oscar Insua lembrou que hai uns meses que a Confraría de Pescadores de Fisterra solicitou á Consellería do Mar a petición da agrupación de mariscadores á flote e recursos específicos, ante a posibilidade que se formulaba sobre a modificación deste decreto, “que se recollese o mergullo con subministración con aire dende superficie como unha das técnicas autorizadas para a extracción de moluscos de bivalvos”, e que cada agrupación de mariscadores a flote, “decida en cada resolución de aperturas a arte ou técnica de extracción a empregar” (raño ou mergullo), de forma que non se poidan combinar ambas técnicas durante unha mesma xornada de extracción.

Comentarios