Volven pedir un contradique no porto de Fisterra
Patrón maior e armadores da Confraría de Pescadores “Virxe das Areas” de Fisterra veñen de facerlle chegar ao BNG a necesidade da construción do contradique de abrigo do Porto de Fisterra. O BNG, que defenderá esta postura cunha moción no vindeiro pleno, considera "histórica" esta reivindicación e quixo escoitar ao sector para engadila á moción.
I é que xa en agosto do ano 2009 Portos de Galiza anunciou e presupostou o estudo técnico de elaboración do contradique de abrigo, pero "transcorridos 4 anos nada se sabe", denuncian dende a oposición.
O BNG solicitará que o pleno aprobe unha resolución de petición ante Portos de Galiza e a propia Xunta, para que "dunha vez sexa construída unha obra tan necesaria para o porto e Fisterra". E valoran que o grupo de goberno é "condescendente" con Portos, que "só traen migallas a Fisterra mentres sí atenden e constrúen instalacións semellantes que se demandan doutros portos da Costa da Morte (Cee e Corcubión, Muxía, Camariñas, Malpica)".
Aseguran que se trata dunha "obra fundamental para o porto de Fisterra, que ten pendente finalizar diversas actuacións para que as súas instalacións sexan o máis seguras e competitivas posibles para a diversidade da frota pesqueira que opera ou ten coma base este porto. O propio contradique podería acoller a súa vez amarres para embarcacións de recreo, así coma permitir o saneamento de vertidos fecais que se producen no propio porto".
Novas relacionadas
- Novo ataque contra o furtivismo en Malpica, Corme, Laxe, Fisterra e Muros.
- 13 anos de redacción para o PXOM de Fisterra.
- O BNG critica o mísero investimento na Rede Natura fisterrá.
- O BNG de Fisterra propón ideas para revitalizar o agro e a pesca.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).