1ª Galicia: Xornada accidentada
07:13 28/01/19
Iván Rojo e Iván disputan un balón no CD Baio-Esclavitud SD. Foto: www.diariodeportivo.gal
O xogador do Soneira, Darío, daría o gran susto da xornada quedando inconsciente no Ara Solis logo de levar un golpe na cabeza nun encontronazo cun rival, polo que tivo que acudir ao hospital, ao igual que o capitán dumbriés Iago ao cal lle abriron unha cella e tamén tivo que asistir a un centro hospitalario para recibir sete puntos nesa zona da faciana, pero por sorte ambos percances quedaron en pequenos sustos para o que puido ser.
No que respecta aos resultados, o Fisterra aproveitou o pinchazo do Flavia para recuperar o liderado logo de lograr unha vitoria pola mínima no derbi costeiro ante o Soneira nun partido no que houbo unha metade para cada equipo. Pola súa banda, o Baio aséntase na cuarta praza logo de superar ao Esclavitud nun partido máis resolutivo ca vistoso.
Mentres tanto, a Esteirana acumula a súa cuarta xornada sen perder logo de sumar un novo punto, e van 8 dos últimos 12 posibles, ante o Unión.
E o Dumbría caíu ante un dos galos da categoría como é o Sigüeiro nun encontro no que un gol anulado a Xabi por unha protestada falta puido cambiar o devir do mesmo.
Sigüeiro FC 2 – 0 CF Dumbría
Sigüeiro FC- CF Dumbría
CF Dumbría: Iván Baña, Canario, Matías (Xacobe m.20), Marcos Mouro, Iago (Xabi m.4), Rivi, Yuyo, Cespón, Pablo Paz (David Carreira m.80), Alberto, David (Brais m.75).
Goles: 1-0 m.28: Juan Castro; 2-0 m.80: Astray.
Expulsións: O local Borja no minuto 71 e o dumbriés Rivi no 77.
Tan só ía un minuto de xogo cando chegou o primeiro contratempo para o Dumbría e faría nun choque de Iago cun contrario no que o peor parado foi o capitán dos costeiros, quen tivo que abandonar o terreo de xogo logo de abrir a cella para acudir ao hospital, onde lle darían sete puntos. E tan só quince minutos despois, o que tería que saír do campo, sería Matías por unha lesión no seu xeonllo, deixando así o potencial do Dumbría claramente mermado.
Juan Castro adiantaría aos seus no minuto 28 e Xabi vería como lle anulaban un gol por unha falta dubidosa sobre o gardameta, polo que se chegaría ao tempo de lecer co 1-0 no marcador.
A falta de quince minutos para o final, o Sigüeiro quedaba con dez homes, despois de que Borja frease a Yuyo cando ía só cara a portería rival. Pero hoxe non era o día dos dumbrieses, e tan só seis minutos despois, Rivi tamén era expulsado por dobre amonestación.
Os de Julián Ferreiro volcaríanse no ataque en busca do empate, pero sería o Sigüeiro quen lograría o gol nunha contra levada por Juanito e materializada por Astray para poñer o definitivo 2-0.
SD Esteirana 0 – 0 CD Unión
SD Esteirana: MJ, Simón, Samuel (Tobío m.60), Josiño Alves, Maroñas (Adrián m.78), Álex Rama, Róber Pladur, Elías (Pachi m.84), Josiño Barreiro (Manuel m.64), Codesido e Dani Rama. Partido no que os dous equipos querían impoñer o seu estilo e isto fixo que houbese poucos espazos, moitas disputas e moitas imprecisións. As ocasións practicamente non existiron pero a máis clara sería para o Unión no tramo final do encontro nun penalti moi dubidoso que os visitantes lanzaron fóra. Na primeira metade, a Esteirana reclamaría tamén unha pena máxima que non pitaría. O partido remataría co empate sen goles, resultado que faría xustiza ao visto sobre o terreo de xogo.CD Baio 2 – 0 Esclavitud SD
CD Baio: Dani Varela, Rubio, Damián, Peke, Yago, Norberto, Bieito (Sergio m.77), Álex Figueiras, Santi Díaz (Porti m.68)(Josiño m.85), Moreno (Guau m.89) e Iván Rojo.
11 inicial do CD Baio ante o Esclavitud. Foto: www.diariodeportivo.gal
Goles: 1-0 m.35: Norberto; 2-0 m.67: Santi Díaz.
Os goles de Norberto e Santi Díaz déronlle os tres puntos ante o Esclavitud a un Baio que logrou a súa terceira vitoria consecutiva.
Foi un choque de estilos no que o Baio buscou o xogo combinativo mentres que o Esclavitud procurou un fútbol máis directo.
A igualdade foi máxima na primeira metade e as ocasións practicamente nulas, pois salvo un disparo de Juan que resolvería Dani Varela en dous tempos e unha falta lateral mal defendida polos visitantes que deu orixe ao gol de Norberto, non houbo máis achegamentos de perigo.
A segunda metade foi moito máis aberta e os visitantes intentarían lograr o empate cun lanzamento de Abel que atallaría o gardameta baiés sen dificultades.
Pero cando mellor plantados estaban os visitantes sobre o céspede, Santi Díaz materializaría un contragolpe para poñer o 2-0.
Tras isto, o Baio tivo varias ocasións para sentenciar que non puido materializar e mantivo vivo no partido a un Esclavitud que tivo as súas na cabeza de Iván e nos pés de Darío pero o marcador non se movería.
E xa no desconto, Iván Rojo tivo o terceiro tras un pase en longo de Álex Figueiras pero o 11 branquiazul non foi quen de superar a Diego no man a man, polo que se chegaría ao remate do encontro co resultado coñecido de 2-0.
Norberto conduce ante a presión de Pichi no CD Baio-Esclavitud SD. Foto: www.diariodeportivo.gal