Mércores. 16.10.2024
El tiempo

2ª Galicia: A Liga da Costa colle clara cor amarela

UD Cerqueda - Corme CF. Foto: UD Cerqueda.
UD Cerqueda - Corme CF. Foto: UD Cerqueda.
2ª Galicia: A Liga da Costa colle clara cor amarela

O Mazaricos superou pola mínima a un Buño en clara mellora nas últimas xornadas e aproveitou o pinchazo do Corme ante o Cerqueda para poñer a directa cara o título de liga, xa que a falta de seis xornadas, outros tantos puntos son os que separan a mazaricáns dos cormeláns.

Pola súa banda, o Volantes de Baño perdeu unha boa oportunidade de achegarse ao segundo posto e poñer terra de por medio co cuarto, ao non pasar do empate na Pedra Queimada ante un bo Malpica.

Mentres tanto, o Muxía cortou a súa mala xeira de resultados cunha gran remontada ante un necesitado Lira e o Baíñas faría o propio logo de superar ao desahuciado Ameixenda.

Na loita pola permanencia, o Sporting Zas logrou unha importantísima vitoria ante un rival directo como é o Cee e o Muros segue aferrándose a un Yanky que esta xornada fixo dous goles ante o Ponteceso para darlle a vitoria aos seus.

Por último, o Monte Louro fixo bos os tres empates acadados nas xornadas anteriores cunha contundente vitoria nas Pedreiras ante o San Lorenzo.

CD Muros 2 – 0 Ponteceso SD

Muros - Ponteceso

CD Muros: Xandre, Varo, Berni (Bruno m.82), Juan (Xandre Costids m.89), Dani, Xaco, Gabri (Siaba m.57), Gabri (Gael m.23), Suso Pata (Iván m.75), Yanky e Ramón.

Ponteceso SD: Damián, Adrián Pose (Raúl m.68), Eloy Trigo, Matías, Ismail, Mendieta, Dani Cotelo (José Suárez m.74), Puente, Iván, Charro, Eloy Álvarez (Nando m.46).

Goles: 1-0 m.8: Yanky; 2-0 m.94: Yanky.

Partido no que o Ponteceso dominou a posesión do balón durante os minutos, pero non conseguiu materializar as ocasións que tiveron. Mentres tanto os muradáns esperaban para saír á contra pero sería nunha xogada a balón parado como un dos xogadores máis en forma da liga da Costa actualmente, Yanky, faría o 1-0. 

A tónica non cambiaría pero Charro e Nando non lograrían materializar as ocasións coas que contaron. E xa co partido tocando ao seu fin e co Ponteceso volcado no ataque, volvería a aparecer Yanky para facer o definitivo 2-0.

CF Lira 2 – 5 Muxía CF

Lira - Muxía

Lira CF: Baitir, Óscar, Rodrigo (Josiño m.79), Óliver (Manu m.78), Mamadou, Cristian Caamaño, Raúl, Borja (Demetrio m.78), Fran (Edu m.69), Toni, Danis (Porto m.78).

Muxía CF: Hugo, Tomás, Brais, Mario, Pereira, Víctor Alcaina (Reigía m.77), Mauro, Manu Nogueira, Peski (Toja m.46) e Maikel.

Goles: 1-0 m.5: Cristian Caamaño; 2-0 m.35: Toni (p); 2-1 m.46: Toja; 2-2 m.49: Mario; 2-3 m.59: Toja; 2-4 m.75: Víctor Alcaina; 2-5 m.77: Toja (p).

Expulsión: O adestrador local Diego Lobelos no minuto 58.

Saíu ben o Muxía xogando en campo contrario pero unha perda de balón aproveitaríaa o Lira para saír á contra e adiantarse no marcador por medio de Cristian Caamaño.

A raíz do gol, nada cambiaría e aínda que o Muxía tería un par de chegadas para empatar, sería o Lira por medio dun penalti transformado por Toni que poñía o 2-0 co que se chegaría antes do tempo de lecer.

Na reanudación, púidose ver a un Muxía desatado que aos catro minutos da segunda metade xa tiña o encontro empatado cos goles de Toja e Mario e que aos catorce minutos xa se puxera por diante logo de que Toja volvese a ver portería para facer o 2-3.

O dominio e o perigo dos muxiáns eran constante e xa no tramo final, Víctor Alcaina e Toja dende os once metros farían sendos goles para o definitivo 2-5.

Lira-Muxia

SD Ameixenda 0 – 2 CD Baíñas

SD Ameixenda: Rubén, Samuel, Cristian, Mataso, Castrexe, Bicho (Pablo m.46), Po, Dany Añón (Gabi m.65), Susiño, Juanfran e Javichu.

11 inicial Ameixenda ante o Baíñas

CD Baíñas: Paulo, Rodri (Capote m.84), Ramón, Luis, Cristian Canosa (Samuel m.83), Esteban Rodríguez (Canay m.63), Pablo Muíño, Felipe (Naya m.74), Javi, Cristian e Toño.

Goles: 0-1 m.15: Pablo Muíño; 0-2 m.87: Pablo Muíño.

O partido tivo un comezo fulgurante e nos primeiros intres, ambos equipos puideron adiantarse no marcador pero Dany Añón vería como o seu disparo saía fóra por pouco e o longueiro evitaría o gol de falta Pablo Muíño.

A raíz disto, o Baíñas fíxose co control do encontro e adiantaríase no marcador cun gol de Pablo Muíño nunha acción na que os do Ameixenda pedirían posición antirregulamentaria.

De aí ao descanso, dominio do Baíñas pero sen goles.

Tralo paso por vestiarios, o Ameixenda levaría a iniciativa, tendo varias ocasións que non logrou materializar e incluso reclamarían un penalti por unha posible man dun futbolista do Baíñas.

Xa no tramo final do encontro, o pau volvería a privar ao Baíñas do gol e na seguinte xogada, Pablo Muíño subiría o definitivo 0-2 ao electrónico.

UD Cerqueda 2 – 0 Corme CF

Cerqueda-Corme

UD Cerqueda: Diego Dourado, Marcos Pensado, Javi Souto, Javi Pazos, Manu Guillamete (Cholo m.92), Dieguito (David Dourado m.81), Lorenzo, Ceide, Méndez (Gonzalo m.70), Dani (Martín Añón m.84), Molinos (Atu m.65).

Corme CF: Suso, Jesús (Eloy m.55), Pandi, Sueiro, Manu Bermúdez (Samuel m.60), Adrián Doldán, Alejo, Lucas, Alejandro, Toniño, Javi Peón (Brais Torrado m.78).

Goles: 1-0 m.9: Méndez; 2-0 m.40: Dieguito.

O Corme non mostrou a súa imaxe habitual en Xaviña e acabouno pagando ante un sempre serio e incómodo Cerqueda que saíu a por todas dende o pitido inicial e de aí que lograse adiantarse no minuto 9, logo de que Méndez materializase un man a man logo dunha boa xogada colectiva.

Os cormeláns estaban moi incómodos sobre o terreo de xogo e Javi Souto lideraba a defensa dun Cerqueda que non concedía nada.

E antes do descanso, Dieguito aproveitaría un erro defensivo dos do Cairo para facer o 2-0.

Na reanudación, o Corme tratou de buscar un gol que o metese no partido pero non sería capaz de inquedar practicamente en ningún momento a Diego Dourado. Mentres tanto, o Cerqueda puido matar definitivamente o encontro pero os homes de Míchel non estarían acertados de cara a gol, aínda que o 2-0 non se movería e os locais lograrían unha merecida vitoria.

Sporting Zas 1 – 0 UC Cee

Sporting Zas - Cee

Sporting Zas: Vázquez, Pablo Vidal (Álvaro m.60), Josito, Rubio, Adrián Ramos, Miguel (Brais m.65), Fabi, Juan, Manu Fuentes, Santi (Lody m.82), Carra (Dani Mato m.60) (Christian m.86).

UC Cee: Anxo, Martín, Pablo, Aitor, Carlos Leis, Esteban, Patera, Rafa, Astray (Leo m.72), Luis Lojo (Brais Rey m.68) e Brais Figueroa.

Gol: 1-0 m.86: Brais Rey en propia porta.

Expulsión: O ceense Brais Figueroa no minuto 84.

San Andrés vivía unha final de cara a loita pola permanencia e tanto Sporting Zas como Cee trataron de facerse co control do partido dende o pitido inicial nunha primeira parte con ocasións contadas.

Anxo solventaría con boas intervencións un man a man con Santi e un disparo de Manu Fuentes dende a frontal, mentres que o Cee tivo unha moi clara cun remate na área pequena que non collería portería. E de aí que se chegase ao descanso co resultado inicial.

Na reanudación, máis do mesmo e os locais verían como o Cee os poñía en constantes apuros en xogadas a balón parado.

A falta de seis minutos para o final, Brais Figueroa deixaría ao seu equipo cun home menos e dous minutos despois desta acción, Dani Mato poñería un balón atrás dende a liña de fondo logo dunha acción persoal e Brais Rey meteríao na súa propia portería ao intentalo despexar.

A raíz do gol zasense, o Cee buscaría o empate á desesperada e tería a última nunha acción a balón parado, pero o marcador non se movería e o Sporting Zas acadaría unha vitoria fundamental de cara ao obxectivo.

Mazaricos CF 1 – 0 Buño SCD

Mazaricos CF: Rubén Santos, Cutu, Borja, Amoedo, Carreira (Ricardo m.60), Mario, Estéfano (Roberto m.80), Capelo (Thiago m.80), Pereiro, Yago Dosil (Martín m.88) e Pose.

11 inicial do Mazaricos ante o Buño

Buño SCD: Brais, Álex, Fran, Pablo, David, Jorge Calvete, Petís, Mara, Cololo, Borja (Alberto m.26), Moha (Rubén m.63).

11 inicial do Buño ante o Mazaricos

Gol: 1-0 m.42: Yago Dosil.

O Mazaricos foi o claro dominador do partido ante un Buño que viu mermado o seu potencial ofensivo coa lesión de Borja Gándara.

Ademáis de ter o dominio, os mazaricáns tiñan oportunidades para adiantarse pero Estéfano en dúas ocasións e Amoedo nunha xogada a balón parado non lograrían materializalas.

E non sería ata ao fío do descanso, cando Yago Dosil superaba a Brais no man a man logo dun pase á espalda da defensa de Capelo.

Na reanudación, nada cambiaría e o Mazaricos seguiría dominando e creando pero sen acadar un gol que lle dese a tranquilidade ante un Buño que non xerou perigo sobre a portería en ningún momento, polo que a vitoria non correría perigo e os amarelos amplían a súa vantaxe á fronte da táboa clasificatoria.

SCD Malpica 3 – 3 Volantes de Baño FC

SCD Malpica: Eusebio, Jorge (Brais Ceán m.62), Andy (Marcos m.70), Fuentes, Villar, Capelán, Roberto, Laik, Jairo (Dimitri m.74), Aitor (David López m.62) e Mante.

Volantes de Baño FC: Marcos, Juan do Sivil, Thiago, Raúl, Santi, Godo, Pesco, Iván, Miguel e Álex Pri. Tamén xogaron: Tiko, Mou, Vituco e Pardelo.

Goles: 0-1 m.8: Pesco; 1-1 m.17: Thiago en propia porta; 2-1 m.35: Laik; 2-2 m.44: Thiago; 2-3 m.47: Pesco; 3-3 m.88: Villar.

Expulsión: O visitante Thiago no minuto 85.

Dous equipos con estilos moi diferentes víanse as caras nunha Pedra Queimada que foi testemuña directa dun auténtico festival de goles.

A pesares de que o Malpica comezou mellor, sería o Volantes quen se adiantaría por medio de Pesco. Isto non fixo virse abaixo a un conxunto local que lle daría a volta ao marcador cun gol de Thiago en propia porta e outro de Laik.

Eran momentos bos dun Malpica que vería como Thiago facía as táboas antes do descanso. E nada máis voltar dos vestiarios, Pesco adiantaría de novo ao Volantes de Baño cun golazo de falta.

Este gol non fixo virse abaixo ao Malpica nin moito menos e os homes de Gurita intentaríano ata o final, acadando o gol do empate no minuto 88, polo que habería reparto de puntos na vila da vida da Costa da Morte.

SD San Lorenzo 1 – 4 UD Monte Louro

SD San Lorenzo-UD Monte Louro

SD San Lorenzo: Benjamín, Fidalgo (Rubén m.64), Luciano, Kuki (Alberto m.64), Diego, Jose, Álex Fernández, Brais, Ures (Fuentefría m.53), Styven (Yago m.53) e Pablo Díaz.

UD Monte Louro: Iago, Miguel, Abel, Pablo, Borja, Yeray, Raúl (Dani de Sahorta m.77), Ivi (Geiko m.65), Pesko (Iker m.70), Sambade (Gelo m.85).

Goles: 0-1 m.10: Ivi; 0-2 m.46: Ivi; 0-3 m.57: Pesko; 0-4 m.61: Pesko; 1-4 m.90: Luciano (p).

O Monte Louro saíu moi metido e no minuto 10, Ivi adiantaba aos seus logo dunha xogada de Pesko. Tras isto, o San Lorenzo trataba de atopar a Brais, pero os loureáns mostraríanse moi seguros, ademáis de rondar o 0-2 en sendas ocasións de Yeray e Pesko que se quedarían en nada.

Nada máis voltar dos vestiarios, Pesko aproveitaría unha indecisión defensiva local para asistir a un Ivi que faría o 0-2, deixando medio grogui ao conxunto verdillés. E pouco despois, Pesko daríalle a puntilla ao San Lorenzo facendo o terceiro e o cuarto do seu equipo.

Os verdilleses buscaría recortar diferenzas e lograríao Luciano dende o punto de penalti co tempo xa cumprido.

Comentarios