Xoves. 25.04.2024
El tiempo

2ª Galicia: O Muxía e o Castriz aseguran praza na fase de ascenso

Muxia- en arlina
Imaxe do Muxía-Lira en Arliña
2ª Galicia: O Muxía e o Castriz aseguran praza na fase de ascenso

Con dúas xornadas por diante, moitas cousas en xogo aínda nos dous grupos da Liga da Costa. Pero xa hai 3 equipos que aseguraron o seu pase á Fase de Ascenso. Xa o facía hai semanas o poderoso Esteirana (que perdía os seus primeiros dous puntos no Cunchido). Onte tocoulle ao Muxía polo sur, pois tras gañar ao Lira e perder o Camariñas, saca xa 7 puntos ao 4º posto. Precisamente Muros e Camariñas, dous equipos en mal momento, loitarán pola 3ª praza.

No Norte a cousa está máis igualada. Un Castriz no seu mellor momento (6 vitorias e 2 empates nas últimas xornadas), asegurou praza ao vencer a todo un Coristanco. Precisamente o cadro coristanqués queda 4º, a un punto do San Lorenzo (vital a súa vitoria en Buño ante o Cerqueda), pero cun partido menos que os de Verdillo, polo que poderá pasar de todo. O Cabana depende de si mesmo, tras recuperar, parece, a tendencia positiva nun polémico partido en Fontiñas.

Gr. 2A, xornada 16

Muxía - Lira (4-0)

  • Muxía: Hugo, Rui, Michael, Gusa, Congui, Julián, Edu Castreje, Isma Márquez, Mauro, Manu Nogueira e Fran Moreira. Tamén: Javi Rey, David, Fabián, Xan Nogueira e Abel.
  • Lira: Balayo, Raúl, Cartamil, Lucas, Isaac, Sebas, Mamadou, Ángel, Diego, Alex, Oli. Tamén: Raúl, Santi Cubelo, Miguel, Cristian e Dani.
  • Goles: 1-0, m.7: Fran Moreira de penalti; 2-0, m.25: Mauro; 3-0, m.40: Mauro; 4-0, m.60: Manu Nogueira.

Continúa o Lira aínda repoñéndose da mala serie de resultados, da marcha de Sil, e á espera de que Juan Rey poida coller o mando do barco. Está sendo Manuel Cartamil o patrón dunha nave que pasouno mal en Arliña, ante un Muxía embalado, que suma 6 vitorias seguidas. O cadro de Diego Lobelos saíu por todo dende o comezo, dominando e creando varias ocasións, nun penalti por mans, Fran Moreira abre o marcador. O segundo e tercer gol foron xogadas parecidas, con Isma Pose entrando pola dereita para acabar cedendo a Mauro, que fixo un doblete. O Lira tivo dúas ocasións claras a balón parado que se foron por pouco.

O segundo tempo, foi un monólogo en ataque muxián.

Outes - Esteirana (1-1)

  • Outes: Alex, Jura, Chía, Babu, Chaki, Cutu, Martín, Veleiro, Capelo, Iván e Fran. Tamén: Miguel, Ryam, Stefan, Eloy e Maceiras.
  • Esteirana: MJ, Simón, Code, Samuel, Dani, Alex Rama, Adrián Louro, Elías, Adrián Abeleira, Pachi e Farinós. Tamén: Damián, Pablo Rama, Carajillo, Abeijón e Oli.
  • Goles: 1-0, m.27: Fran; 1-1, m.44: Elías.

Non lle deixou saír combinando o Outes a unha Esteirana con moitas caras novas. O cadro local controlou o tempo do partido na primeira metade, non deixando chegar aos visitantes á área de Álex. Acertaba Fran nunha das chegadas dos da Serra no ecuador do primeiro tempo. A partir de aí emerxía a figura de Alex Rama, que foi facendo dano ata propiciar o tanto do empate antes do descanso.

Na segunda, a Esteirana tivo máis o balón, dominando territorialmente, pero as chegadas á contra do equopo de Miguel Ramos eran moi perigosas. Non acertaron, como tampouco o fixo o cadro blaugrana na ocasión máis clara do choque, un balón ao longueiro.

Camariñas - Baíñas (0-3)

  • Camariñas: Pablo, Barreiro (Oliver), Roi, Rodrigo, Pablo Suárez, Carlos, Moriño (Miki), Hugo (Víctor), Dbibi, Brandon (Nazo), Mario.
  • Baíñas: Sergio, Maikol, Adri, Lucas, Cristian Hermida, Cristian Canosa, Dylan, Alonso, Oreiro Antelo e Víctor. Tamén: Carlos, Raúl, Samuel, Raúl Antelo e Rodri.
  • Goles: 0-1, m.14: Antelo; 0-2, m.47: Cristian Canosa; 0-3, m.76: Cristian Canosa.

Partido moi malo por parte do Camariñas, que non aproveitou a xornada de descanso do Muros para meterse no poido. O Baíñas de Roski estivo moi ordenado, e se adaptou mellor ao tempo. Co vento a favor dominou territorialmente, alonxando ao cadro local da meta de Sergio e adiantándose por medio de Antelo. Só Mario facía dano á defensa vimiancesa por bando local.

Nada máis comezar a segunda metade, Oreiro mandaba un balón á cruceta, e de contado Cristian Canosa facía o segundo. Co paso dos minutos o Baíñas xogaba máis cómodo, sen pasar apenas apuros.

Monte Louro - Cee (2-0)

  • Monte Louro: Iago, Manolo Chouza, Raúl, Pablo, Juan do Sivil; Dani, Xián, Riki, Íker, Juan Lois e Piti. Tamén: Pesco, Geiko, Abel e David.
  • Cee: Maikel, Iago Iglesias, Ángel, Dani Fontaíña, Jose, Chema, Antón Lestón, Fraga, Bruno, Luís Lojo e Cristian. Tamén: Xacobe, Mauro Canosa e Mateo.
  • Goles: 1-0, m.37: Xian; 2-0, m.44: Xián.

Está de doce o cadro loureán, con confianza, no seu mellor momento da tempada, e sumou unha vitoria xusta ante un Cee que non dá recuperado efectivos e que mesmo perdía a Bruno aos 10 minutos por lesión. En ningún momento tiveron opcións de meterse nun partido que dominaba sempre o cadro local que se adiantaba ao fío do descanso con dous tantos de Xián, e que non vía ampliado o marcador gracias á gran actuación de Maikel baixo paus. Mesmo lle parou un penalti a Íker, ademais de varias ocasións a Piti, Riki, Íker… O único positivo para o equipo de Rafa, o debut de 3 cadetes: Iago Iglesias, Dani Fontaiña e Mauro Canosa.

Cómpre destacar o traballo de Bibi, que leva unha temporada moi dura, pois o equipo tardou moito en conseguir esas vitorias, e gracias á confianza da directiva e ao traballo de todo o plantel, souberon esperar a que chegasen os bos momentos.

 

Gr. 2B, xornada 16

Nantón - Cabana (1-4)

  • Nantón: Guillermo, Busto, Eloy Moreira, Fariña, Diego Bello, Martín, Touriñán, Redondo, Pablo Fuentes, Iván Moreira e Josiño. Tamén: Gavín, Alberto Fuentes, Silva, Amado e Muíño.
  • Cabana; Víctor (Manuel) Aaron (Pablo Senande) Sergio Ferreiro, Duda, Sergio Antelo, Diego Cacha, Diego Moreno, Simón, Manuel (Fernando), Raúl Corzón (Rubén).
  • Goles: 1-0, m.15: Josiño; 1-1, m.44: Sergio Antelo; 1-2, m.45: Manuel; 1-3, m.60: Manuel; 1-4, m.,66: Rubén de penalti.

Polémico partido en Fontiñas, cun Nantón que quedou con 8 sobre o céspede polas expulsións de Fariña, Martín e Guillermo, e mesmo do míster Carlos Vidal polas protestas.

O céspede non estaba nas mellores condicións o que determinou o partido, e fixo que moitas xogadas afogasen preto da meta rival. Tamén provocou erros, comoo esvarón de Víctor que aproveitaba Josiño para adiantar aos locais ao cuarto de hora.

A balón parado e pases longos intentaba recuperar o Cabana, e precisamente en dúas faltas consegutivas nos últimos instantes do primeiro tempo se adiantaría o Cabana con remates de Manuel e Sergio Antelo.

No m.60 chegaría o momento clave, cando Manuel facía o terceiro (sumando xa 17 goles como maximísimo goleador da categoría) e os locais quedaban con 9 polas protestas pedindo falta ao inicio da xogada. Xa co partido sentenciado, o cuarto chegaría de penalti, que tamén supuña a expulsión do meta Guillermo.

Castriz - Coristanco (2-0)

  • Castriz: Álvarito, Saúl Propín, Joser, Alex Forján; Iván Pastoriza, Braulio, Anxo, Iván Facal, Adrián García, Fabián; Noly. Tamén: David Gerpe, Kevin Varela, Samuel, Alberto Mata e Martín Gemelo.
  • Coristanco: Rubén, Pazos, Belar, Juan Lagoa, Borja, Adrián Pazos, Damián, Nico Abelenda, Dani Castiñeiras, Sergio e Samuel. Tamén: Samuel, Villajos, Adrián Rod., Dani Vázquez e Kevin.
  • Goles: 1-0, m.8: Noly a pase de Adrián García; 2-0, m.40: Adrián García dende fóra da área.

Era o choque máis importante da xornada, que confirma a boa dinámica do Castriz nesta segunda volta ante un Coristanco que fixo tamén un gran partido. Os de Miguel Chouza mantívose moi serio, deixando moi poucas ocasións ao rival e sendo moi efectivo nas súas chegadas.

E iso que o Coristanco comezou mellor, apretando a balón parado e cos saques de banda de Lagoa, xogando máis en campo xalleiro. Pero o gol, outro de Noly, sentoulle mal ao cadro de Juni. Aí se viu o mellor Castriz, máis dominador, e ampliando a renda antes do descanso.

Na segunda meteulle unha marcha máis o cadro verde, e deron sensación de perigo pero non conseguiron remontar, acabando morrendo así o choque.

Malpica - Buño (0-2)

  • Malpica: Damián: David, Iván Rod., Laik, Esteban, Esmorís, Andi, Jordan, Jairo, Aday e Alberto Hombre. Tamén: Borja e Dimitri.
  • Buño: Xurxo, Adrián pose, Jose, Diego Ferreiro, Jorge Calvete, Santi, Omar, Luismi, Nacho, Sergio Bastón e Juan Antelo. Tamén: Ángel, Yago, Pablo, Elías e Brais Ceán.
  • Goles: 0-1, m.23: Omar; 0-2, m.35: Juan Antelo de penalti.

Dolorosa derrota do Malpica no derbi ante un Buño que suma a súa terceira vitoria do curso. O cadro malpicán segue á deriva, con mala imaxe e acabando de novo con 9. Os oleiros foron superiores e souberon esperar os seus momentos para levar o partido e saír así do posto de pechacancelas, que ceden ao Zas.

Cerqueda - San Lorenzo (0-1)

  • Cerqueda: Óscar, Marcos Pensado, Dani Riegía, Javi Souto, Breo Rey, Gustavo, Breo, Iván Blanco, Manu Guillamet, Julián. Tamén: Miguel, Abde, Nico, Hugo e Aarón.
  • San Lorenzo: Puyol; Ures, Mateo, Lucho, Fidi; Diego, Garrido, Ferreiro, Eloy; Brais e Taibo.
  • Gol: 0-1, m.8: Brais Cancela.

Levou os 3 puntos o San Lorenzo de Xaviña grazas a un cedo gol tras aproveitar Brais Cancela un erro local, un mal entendido entre o central e porteiro, metendo por diante aos de Verdillo. Eran uns primeiros minutos de control e dominio visitante. Pero co tanto en contra, o Cerqueda comezou a estirarse, primeiro con roubos arriba e despois con algunhas xogadas por banda empezou a plantarse en campo contrario. Foi nun roubo onde Breo tivo a máis clara da 1ª, pero unha gran parada do porteiro visitante evitaría o empate.

Cando mellor estaba o Cerqueda, envorcado sobre el área rival foi o San Lorenzo o que tivo unha man a man fronte ao porteiro local, pero tamén este respondeu cunha gran parada para chegar ao descanso co 0-1 a favor dos visitantes. Non cambiou o partido na segunda, un Cerqueda que buscou o empate e un San Lorenzo que soubo defender para levarse os 3 puntos de Xaviña.

 

Novas relacionadas

Comentarios