3ª Galicia: O Cabana dá un paso importante cara a Liga da Costa
O Cabana goleou a un Sporting Seaia moi xusto de efectivos para dar un paso moi importante cara o ascenso directo á Liga da Costa no partido adiantado da vixésimo terceira xornada, mentres que o Camelle venceu pola mínima ao Laxe no encontro aprazado da xornada 17, no que o resultado non lle serve de moito aos camelláns e que alonxa aos laxenses da fase de ascenso.
Camelle SD 3 – 2 SD Laxe
Camelle SD: Roi, Valiña, Rodri (Rubén m.58), Barreiro, Jati (Carlos Suárez m.63), Carlos de Dido, Vieites, Varu (Tajes m.80), Miguel Riveiro, David Vázquez e David Camariñas.
SD Laxe: Eloy, Borja, Jacinto, Felipe (Elías Galeano m.54), Adrián Pasantes, Andrés, Adrián Lema, Ruso, Elías Santiago (Dani Pose m.84), Djamel, Bieito (Brais m.78).
Goles: 0-1 m.16: Felipe; 1-1 m.24: Miguel Riveiro; 1-2 m.30: Adrián Lema; 2-2 m.38: Barreiro; 3-2 m.82: Carlos Suárez.
Un Camelle que estivo máis efectivo de cara a portería soubo adaptarse mellor ao mal estado que presentaba o terreo de xogo do Rodeiro, aínda que un Laxe que tivo numerosas ocasións de gol, adiantaríase pasado o cuarto de hora de partido grazas a un gol de Felipe.
Pouco duraría a alegría para os visitantes, xa que tan só oito minutos despois, Miguel Riveiro devolvería as táboas ao marcador. Á media hora de encontro, Adrián Lema volvía a poñer por diante aos laxenses pero xusto antes do descanso, Barreiro volvía a facer o empate para o Camelle.
Na segunda metade, non sería ata o tramo final do partido, cando Carlos Suárez facía o definitivo 3-2 co que lle daba a vitoria ao conxunto local.
Sporting Seaia CF 0 – 5 Cabana SD
Sporting Seaia CF: Recarey, Jorge, Quintas (Ché m.46), Jhonny, Christopher, Pablo, Chols, Parga, Vistas, Dímaga e Curí.
Cabana SD: Víctor, Pablo Senande, Raúl (Ismael m.75), Pipa, Duda, Dani, Fernando (Aarón m.50), Manolo (Santi m.60), Manuel (Darío m.80), Castro (Pablo m.55) e Iván.
Goles: 0-1 m.36: Manuel; 0-2 m.42: Castro; 0-3 m.46: Iván; 0-4 m.70: Pablo; 0-5 m.80: Iván.
Comezou ben o conxunto local, tocando ben, aínda que sen chegadas de perigo ante un Cabana que trataba de roubar e saír rápido polas bandas. Desta forma, os homes de Pablo Rodríguez e Fernando Mato lograban achegarse á área rival pero faltáballes definición e non sería ata o minuto 36, cando Manuel adiantaba aos seus, vantaxe que aumentaría Castro ao poñer o 0-2 co que se chegaría ao tempo de lecer.
Nada máis comezar a segunda parte, Iván facía o 0-3 e os cabaneses faríanse donos e señores do balón, sen ver peligrar a súa vitoria en ningún momento, e menos cando o Sporting Seaia quedaba con dez homes por lesión ao non contar con cambios.
Xa nos últimos vinte minutos, Pablo e Iván mataban definitivamente o encontro poñendo o 0-5 no marcador.