A tarde máis pura do ano?
01:36 16/06/17
A volta das dúas semifinais, virxe de conflictos de intereses con outras frontes, promete unha tarde de domingo chea de emocións e con catro pobos volcados cos seus equipos. O venres, cita coa Gala do Fútbol da Costa - QPC
Xogadores de Fisterra e Dumbría posan cun cartel de apoio aos traballadores de Ferroatlántica - Foto: SD FIsterra
Non o tería pensado mellor un programador de eventos para acaparar toda a atención posible na volta das semifinais da Copa da Costa. O último sorbo da ida o tivo todo: unha decepción nos aspirantes directamente proporcional á ledicia dos favoritos salvando os mobles no último suspiro, marcadores abertos e sobre todo catro pobos desexando vivir unha final post resaca de San Juan que deixa tamén ver unha entrada como non se lembra en anos.
Ao contrario do sucedido sete días atrás, non coincidirán ambas citas en horario, e debido aos poucos kilómetros entre as sedes dos encontros moitos seareiros poderán desfrutar dunha experiencia copeira 2.0. Abrirá a tarde o Dumbría-Ponteceso, co 2-2 da ida dándolle certa vantaxe ao campión de Primeira, víctima dun susto en forma de remontada efímera por parte do seu rival. O debuxo habitual de Julián sufrirá unha lixeira modificación, debido á ausencia de Darío Capelo, quen está de viaxe alén das fronteiras galegas e non chegará a tempo á cita. Ademais, moitos dos futbolistas determinantes do equipo arrastran diversas sobrecargas e problemas físicos derivados da altura de curso. No caso dos pontecesáns todo parece indicar, e salvo contratempo no adestramento final, que si estará o once de gala. Foi chave na ida o concepto de saída de balón que variaron os de Barca, ao pasar de combinativo a dinámico debido á presión alta dumbriesa.
Ás 19.00 no Municipal de Vimianzo vivirase a primeira semifinal copeira sen o Soneira de por medio. A histórica cita para o Baíñas pasa por un 1-0 como pedido mínimo. A tolemia é total na vila, especialmente despois da competitividade amosada en Ara Solis (só un postreiro tanto de Pablo Lestón impediu aos de Tasky presentarse na casa con vantaxe). Canay será novamente baixa no Baíñas, mentres unhas molestias físicas poderían deixar ao Fisterra sen Angeliño. O bo facer, atrevido e sen deixarse dominar do Baíñas hai sete días deu que falar.
Pero antes, a golpe de venres, o Fútbol costeiro cítase en Muxía para escoller aos mellores do curso na Gala do Fútbol da Costa - QPC.
Ademais, xa imos coñecendo datos das finais da #CopadaCosta. A final dos maiores será o domingo 25 ás 18.30h, pero o campo depende dos finalistas. Se un deles é o Puenteceso SD, os clubs piden CD Baio. Se a final é CF Dumbria -oficial- - Sd Fisterra o choque sería en Cee. E se é C.d. Baiñas- Dumbría decidiron xogar en Dumbría.
Ademais, a Final infantil trasládase ao sábado 24 ás 19.30h en Zas.
Copa da Costa, Volta de semifinais
Fase de Ascenso á Liga Galega Xuvenil
Copa da Costa Infantil
Copa da Costa de Veteranos
Máis información
- www.copadacosta.com.
- As táboas de resultados e clasificacións en www.futboldacosta.com. Piquen dende o seu teléfono e pulsen “Engadir a pantalla de inicio”, para ter sempre os resultados no peto.
- A actualidade no Facebook “Fútbol da Costa”.