O Álbum do #FutfemdaCosta avanza co patrocinio oficial de As Baleas
Avanza a creación do Álbum do #FUTFEMdaCosta. Dende QPQ cremos que este é un ano chave para que a revolución do Fútbol feminino na comarca marque un antes e un despois. Hai apenas 3 anos, cando creamos o primeiro álbum de fútbol feminino en todo o estado, o do #futfemgalego, na comarca tiñamos só 3 equipos femininos en competición. Hoxe somos xa 19 clubs con sección feminina, temos un equipo referente en Galicia de futsal, temos 4 clubs con categorías inferiores femininas, e temos xa 7 árbitras.
Así, en breve, máis de 600 mulleres da Costa da Morte serán estrelas do noso fútbol!
Xa comezamos coas sesións de fotos en varios equipos, que continuaremos en breve.
Pero ademais, esta semana dimos un paso moi importante: a consecución do patrocinador oficial: As Baleas. O grupo hostaleiro, con cervexerías en Cee, Fisterra, Muxía e Olveiroa, O Forniño da Xunqueira en Cee e os Apartamentos Turísticos en Fisterra e Muxía, aposta por facer realidade este fermoso proxecto.