É o momento para álbum #futfemdacosta
Levamos máis de 10 anos facendo álbumes de cromos na Costa da Morte. Álbumes que convirten en estrelas aos xogadores e xogadoras das ligas sénior do Fútbol da Costa, á rapazada de 6 a 12 anos da comarca. Mesmo temos realizado o primeiro álbum de cromos do Fútbol Feminino en todo o estado, o do #futfemgalego.
Pero naquel álbum da temporada 21/22, medio marcada pola pandemia, apenas puidemos colar 3 equipos femininos costeiros: as xogadoras do Xallas, do Cee, e das Miúdas si se puideron coleccionar xunto co resto de equipos de Galicia, mesmo as do Depor Abanca.
Pasaron apenas 3 cursos, e podemos afirmar que a revolución do Fútbol Feminino en Galicia ten un alicerce fundamental na Costa da Morte. Temos xa 19 clubs con sección feminina, temos un equipo referente en Galicia de futsal, temos 4 clubs con categorías inferiores femininas, e temos xa 7 árbitras. Máis de 600 mulleres da Costa da Morte serán estrelas do noso fútbol!
Unindo xeracións
Este álbum do #futfemdacosta, como vedes na portada, tratará de ser unha unión entre as xeracións pioneiras e as novas e valientes rapazas que veñen de protagonizar un dos grandes fitos da historia #futfemdacosta: A Selección da Costa Sub11 campiona de Galicia!
”Shooting”
Esta semana comezaremos coas sesións de fotos, para as que solicitamos a colaboración dos clubs, que traten de adaptarse o máis posible ante a chegada do equipo de fotografía de Sportcrom.
Presentacións
Ademais, cando xa teñamos todo o material, realizaremos vairas presentacións para entregar un álbum a cada protagonista, tratando de realizar eventos interesantes que sigan poñendo en valor o noso deporte.
Sorpresas
Pouco a pouco iremos debullando todas estas novidades polo miúdo, pero xa avanzamos que ademais este curso teremos algún punto de venda sorprendente.