Venres. 29.03.2024
El tiempo

A PREVIA ARBITRAL

Catro tríos, paso a paso

O arbitro David Vazquez Lema no Zas Ponteceso Xuveniñ-Foto-Lucas Rey
O colexiado David Vazquez Lema no Zas-Ponteceso Xuveninl disputado nas Redondas a semana pasada-Foto-Lucas Rey
Catro tríos, paso a paso

A Subdelegación da Costa da Morte do Comité de Árbitros dispoñerá este domingo catro tríos arbitrais para catro encontros a distintas distancias do territorio.

No quilómetro cero, David Vázquez dirixirá o Baio-Tordoia, duelo de intensidade e vecindade encadrado no grupo 2 da Primeira Galicia, e ademais de máxima igualdade, pois ambos equipos se atopan empatados no medio da táboa, con 25 puntos cada un. David Vázquez estará auxiliado por Carlos Señarís e Sebastián Pérez, e o choque comezará ás 16.30 horas no Platas Reinoso.

Na mesma categoría, pero no grupo 1, outro trío arbitral costeiro fará unha viaxe máis significativa (77 quilómetros) para o duelo entre Sada e Cambre (Andrés Pena, 16.15 horas, David Castreje, Óscar Santos e Rai Reborido). O encontro promete ser igualado, tamén, entre dous equipos da zona alta: os locais, oitavos con 24 puntos, e os visitantes cuartos, con 31.

Un chisquiño menos de distancia (58 qms) percorrerán, camiño da capital do país, Bruno Méndez, Rubén Reborido e Marcos Ordóñez para un dos partidos da xornada: Compostela-Alondras (Estadio Vero Boquete, 17.00 horas). Os locais chegan como claros dominadores da Terceira División, xa con catro puntos de marxe sobre o segundo clasificado e oito sobre o terceiro. O Alondras, pola súa parte, acumula tres xornadas sen gañar e está xa tan só dous puntos por riba do descenso.

A viaxe máis longa da tarde dominical será para Pablo Rama, Luis Insua e Óscar Rey, que formarán o trío arbitral que dirixirá o Velle-Sanxenxo da Preferente Galicia, grupo 2 (Campo da Aira, 16.30 horas). Case 200 quilómetros (nun só sentido) para un duelo da zona baixa no que ambos equipos intentarán reencontrarse coa vitoria, especialmente os locais, que acumulan catro derrotas consecutivas.

E, por suposto, ademais, como cada semana, todo o fútbol costeiro, dende os senior até os prebenxamíns, no que viviremos un auténtico aluvión de fútbol: arredor de 100 encontros se disputarán nesta fin de semana de Carballo a Muros. Quen queira, ten moito onde disfrutar e escoller.


Todas as designacións, categoría a categoría, competición a competición, como cada semana, en www.futgal.es.
Ademais, coma sempre, o Carrusel tecnolóxico dominical e todas as táboas sempre actualizadas en www.futboldacosta.com.

Comentarios