Copa da Costa: O Alavés de Vimianzo
12:12 05/06/17
O Baíñas é a gran sorpresa nas semifinais da Copa da Costa, onde chega tras 'cargarse' ao campión de Segunda; o Dumbría remontou non sen apuros, mentres que Ponteceso e Fisterra tiveron menos sobresaltos
O Baíñas celebrou un éxito histórico
Cerqueda 1-5 Ponteceso
O Ponteceso tivo menos apuros que na ida
Campo: Xaviña (Buño)
Cerqueda: Cotelo, Athu, Dani, Fran, Manu (Juanjo m.70), Iván Mato, Lorenzo, David Velo (Sergio m.62), Méndez, Míchel e Vieites
Ponteceso: Xurxo (Brais min.75), Ismail, Dani Cotelo (Yago min.46), Matias, Charly (Javi Peón min.46), Mendieta, Alberto Recarey, Nando, Dieguito, Charro (Baba min.39) e Mara (Eloy min.50)
Árbitro: Vázquez Bello (A Coruña).
Goles: 0-1 m.6 Matías, de penalti; 1-1 m.42 Manu; 1-2 m.44 Baba; 1-3 m.64 Nando; 1-4 m.71 Eloy; 1-5 m.90 DIeguito
Case unha década despois
Rachou o Ponteceso cunha xeira de nove anos sen pisar unhas semifinais de Copa da Costa, e o fixo a costa dun veciño Cerqueda que deu máis competitividade do que reza a bagaxe final da eliminatoria. O 3-1 do Pinguel obrigaba aos locais a arriscar e deixar máis espazos do normal ao seu rival. A lectura dos de Barca foi perfecta, e moi cedo provocaron un penalti que o especialista Matías converteu coa eficiencia habitual. Coa obriga de facer tres tantos, o Cerqueda desmelenouse e arriscou ao máximo na búsqueda da machada. E motivos para a esperanza tivo durante dous minutos, os que foron desde a igualada de Manu de preciosa factura ata que Baba, tras un centro chut de Nando, empurraba á rede o segundo. A mala nova para o Ponteceso era que polo camiño perdía a Charro por lesión. Foi máis un exercicio de cara á vitoria parcial unha segunda metade na Nando atopou premio ao seu derroche cun bonito gol, e onde Eloy e Dieguito redondearon unha goleada que ben podería ter sido matizada por algunha das boas opcións que manexaron os cerquedenses, freados por Xurxo e Brais. Un histórico está de volta.
Dumbría 1-0 Malpica
Campo: O Conco
Dumbría: Iván Bouzón, Jose, Raúl, Pablo Conde, Iago, Rivi, Darío Capelo, Diego Cespón (Jose Manuel m.68), Martín (Cristian Canosa m.86), Aarón e Adrián
Malpica: Brais, Rubén, Marcos Pensado, Mario, Alberto, Laye (Petís m.75), Isma, Eloy, Leilán, Cololo e Brais Lado
Árbitro: Regos Martínez (A Coruña). Expulsou a Brais Lado, do Malpica (m.90). Amonestou a Diego Cespón do Dumbría; Cololo, Alberto, Mario Casal do Malpica
Gol: 1-0 m.24 Martín
Co pico e a pala
Tivo que traballar e moito o Dumbría para facer boa a súa condición de favorito e voltear a eliminatoria ante un dignísimo Malpica. O campión de Primeira Galega atopou novamente a un rival ordeadísimo e que apenas concedeu lugar á inventiva. A premisa de Repi era clara: manter a porta a cero e non deixar correr a un rival superior físicamente. E case o logra. Só un erro garrafal de Brais, que non acertou a atallar un disparo accesible de Martín, impediu o que os ingleses dan en chamar 'clean sheet'. Tamén se a conta non aumentou foi polo bo facer do arqueiro nas poucas chegadas posteriores dos dumbrieses: un libre directo de Adrián antes do intermedio e outro man a man do pichichi na reanudación. Pola súa banda, o Malpica asustou nada máis comezar, cun remate de Mario Casal respondido á perfección por Iván Bouzón. Precisamente, o polivalente carballés foi o recurso do que tirou Repi cando se enfilaban os minutos finais. Acabou por ser unha sorte de Alexanco improvisado para colgar balóns e xerarquizar a referencia aérea. A nota negativa da tarde foi a desmesurada expulsión de Brais Lado, nun exercicio de literatura de ciencia ficción do asistente.
Camariñas 0-0 Fisterra
Campo: Hermanas Patiño
Camariñas: Brais, Kevin, Maikol, David, Javi Antelo (Míchel m.46), Brais (Rodri m.78), Moriño, Maikel, Gabri, Yuyo e Nazo
Fisterra: Ángel Luis, Fabián, Isma Leis (Abel m.75), Álex (Robertín m.50), Piti, Angeliño, Roco, Cote, Jorge (Pablo Lestón m.65), Roa (Tati m.70) e Bruno
Árbitro: Vázquez Lema (A Coruña). Expulsou a Roco, do Fisterra (m.60). Amonestou a Brais, Gabi e Rodri do Camariñas; Álex e Angeliño do Fisterra
Con toda a raza do mundo
Non defraudou a volta do choque clásico e de porto de mar entre Camariñas e Fisterra. O 3-1 da ida obrigaba a unha tarde case perfecta por parte dun cadro local por outro lado sen demasiado fondo de armario e moita xuventude nas súas filas. Foi a primeira metade unha invitación á fe palilleira, cun gol aparentemente legal anulado a Nazo (por suposto fóra de xogo), e outro polo mesmo motivo a Moriño. Ademais, o propio Nazo a piques estivo de poñer en vantaxe aos seus cun lanzamento que bateu na escuadra e no que non tivo opción de alcanzar o rexeite. Pola súa banda, o Fisterra non acababa de chegar demasiado e só unha iniciativa individual de Bruno por banda levou algo de perigo. Mudou o panorama na reanudación, cos minutos correndo en contra das opcións e o fondo físico do Camariñas, e cos fisterrán resistindo cada vez de forma máis cómoda a pesares da expulsión de Roco. Houbo dúas accións punibles de penalti a prol da SD, que acabou por monopolizar o control do esférico e por facer da posesión a mellor forma de non levar sustos nin pasar problemas.
Baio 2-1 Baíñas
Grupo humano do Baíñas
Campo: Platas Reinoso
Baio: Diego, Isaac, Luis (Rubio m.69), Yago, Norberto (Christian m.75), Fachal (Pablo m.86), Moreno (Santi Díaz m.64), Bieito, Martín, MC e Javi Suárez
Baíñas: Maikel, Tantán, Cristian, Braulio, Álex Canedo, Chento, Esteban, Felipe, Canay (Oreiro m.11), Víctor Agulleiro, Jaime (Héctor m.95)
Árbitro: Cedeira Méndez (A Coruña). Expulsou a Bieito, do Baio, ao terminar o choque e a Eloy (m.87) do Baíñas. Amonestou a Norberto do Baio; Esteban, Víctor e Jaime do Baíñas
Goles: 1-0 m.16 MC, de penalti; 1-1 m.54 Víctor; 2-1 m.60 Martín
O día máis importante na historia do Baíñas
Logrou a machada o Baíñas e meteuse nas smifinais da Copa, tras eliminar a un Baio favorito e campión da Liga da Costa. O 1-0 da ida era un suculento caramelo para prantexar o partido a medida na pizarra de Tasky, sabedor este de que ás súas ordes hai homes curtidos en mil batallas e con experiencia de sobra para aguantar a presión. O Baio, que chegaba co piloto da reserva de gasolina encendido, quixo ser fiel á súa versión do torneo da regularidade, especialmente tras igualar o cruce moi cedo, nun protestado penalti que MC non desaproveitou. Era un gol para a tranquilidade, pero esta resultou excesiva e apenas tivo que intervir o meta visitante Maikel, A mellor acción da primeira metade foi, de feito, para o ex de Montañeros e Bergantiños Álex Canedo, quen executou con maestría un libre directo, aínda que lixeiramente desviado. Foi chave á volta dos vestiarios o papel de Maikel, salvador do segundo tanto e encargado de manter o cruce igualado.. Pouco despois, e tras unha acción milagreira de Fachal salvando na línea de gol, o corcubionés Víctor atopou un balón morto para empatar e poñerlle por diante unha labor case imposible aos baieses. E iso que Martín tirou de cañón para, con media hora por diante, firmar o segundo e manter unha ofensiva á que lle faltou chispa e tempo.