Mércores. 24.04.2024
El tiempo

A PREVIA ARBITRAL

Unha finde para quererlle ao fútbol

David Vazquez abritrou no Rodeiro
David Vázquez arbitrou no Rodeiro a semana pasada
Unha finde para quererlle ao fútbol


Finde de moito amor, pero nada detén o fútbol, unha das cousas que, esta si, máis paixóns desata, e esta terceira fin de semana de febreiro non será unha excepción, por moito que as campañas comerciais e outros compromisos pretendan paralo, o fútbol sempre se sobrepón.

A finalísima é no Xosé Luis Vara

Quedarán, pasada esta fin de semana, oito datas para dar carpetazo á Liga da Costa, pero, no que por arriba se refire, todo pode (ou non) quedar visto para sentenza este mesmo domingo.

Tres equipos, dende hai xa bastantes xornadas, se disputan en solitario o título de liga, e teñen amarrada para a súa pelexa interna o posto de ascenso directo e os dous postos que dan o pase directo á promoción de ascenso a Primeira. Tanto é así que a distancia entre terceiro (agora, Ponteceso) e cuarto (Muxía) é de doce puntos, catro partidos cando só quedan nove por disputarse, o que parece unha distancia insalvable. 

A semana pasada o líder, Corme,  deu un paso de xigante para levarse o título, tras vencer no Cairo ao seu veciño e rival, Ponteceso, a quen deixa agora a catro puntos. Esta semana decidirase se o Corme amarra o título ou todo volve quedar aberto a falta de esas oito novas finais.

No Xosé Luis Vara (domingo, 17.00 horas, Adrián Fernández, auxiliado por Jesús López e Antonio Manuel García) mediranse os dous primeiros, Esteirana e Corme. A vitoria visitante abriría unha brecha no alto da táboa de seis puntos co seu rival (e, alomenos, sete co terceiro clasificado). Pola contra, a vitoria local igualaría a ambos equipos no alto da táboa (coa posibilidade de que o Ponteceso se colocase, tamén, a un só punto de ambos). Moito, moitísimo en xogo, polo tanto, nunha final no Xosé Luis Vara que pode decidir a competición.

O Ponteceso, despois do golpe da semana pasada, agardará a vitoria dos esteiráns para reengancharse á competición, pero tamén terá que facer os seus deberes, e non o terá sinxelo, pois no primeiro partido no novo céspede do Pinguel recibirá (domingo, 16.30 horas, Daniel Martínez) a un San Lorenzo que é unha das “sorpresas” da competición e que, igualado a puntos co Muxía, pelexa aínda pola cuarta praza que pode dar acceso, tamén, ao play off de ascenso.

Festa no Cunchido e no Hermanas Patiño

A pasada fin de semana deixábanos xa a certificación de dous ascensos á Liga da Costa. Outes e Camariñas dominaron con certa claridade a competición na Terceira Galicia e selaron o seu ascenso con tres xornadas de marxe para o final (das cales unha será de descanso para ambos). 

Con dous partidos por diante, esta semana parten ambos empatados a 44 puntos na pelexa polo título da categoría, e ambos poderán dedicar o ascenso á súa afección. 

O Outes recibe (Municipal do Cunchido, domingo, 17.00 horas, Rodrigo Nieto) ao Corcubión e o Camariñas aos seus veciños do Camelle (Hermanas Patiño, domingo, 17.00 horas, Jorge Calvete). O Corcubión ten apenas opcións matemáticas de pelexar pola fase de ascenso, mentres que o Camelle terá que defender a súa sexta posición, que lle dá acceso a ese play off, coa vantaxe de ter disputado un partido menos que o seu principal rival, o Seaia.

Nesta Terceira da Costa, case todo está visto para sentenza. Outes e Camariñas teñen xa o seu pasaporte á Liga da Costa, o Monte Louro xa ten asegurada a súa presenza na fase de ascenso e, salvo sorpresa, as tres prazas restantes serán para Laxe, Nantón e Camelle (o Camelle só necesita sumar en tres partidos os mesmos puntos que sume o Seaia en dous, pois ten unha xornada de descanso pendente, ou non perder a vantaxe de cinco puntos que ten sobre o Castrelo). 

Todas as designacións arbitrais, como cada semana, e toda a axenda de partidos, categoría a categoría, en www.futgal.es.
 

Comentarios