Venres. 19.04.2024
El tiempo

FutFem: Vitorias clave para as costeiras

FutFem: Vitorias clave para as costeiras

Bergantinos feminino

Fin de semana tremendamente positivo para os equipos costeiros. Se foi importante a segunda vitoria consecutiva dun Bergantiños que está a atravesar un moi bo momento de xogo e de resultados; máis trascendental aínda foi a das Miúdas, en termos clasificatorios. Pois mentres o Bergan acampa na zona morna da táboa sen demasiadas complicacións, o cadro muradán conseguía manter viva a loita pola 3ª praza. Visitaban as de Fran ao Xuventú Aguiño, que sacaba 4 puntos ás costeiras, pero estas, nun novo exercicio de valentía, vencía e reducen a diferencia a 1 punto, ao tempo que aumentan a renda coas cuartas.

2ª División, grupo 3, xornada 17

  • Resultado: Xuventú Aguiño - As MIúdas (0-2)
  • Yaiza, Paula, Isa, Antía, Martina, Laura, Noe, Leti, Gala, Bárbara e Pati. Tamén xogaron: Ainoa, María Dosil, Marta, Iria e Natalia.
  • Goles: 0-1, m.72: en propia meta tras un córner botado por Noe; 0-2, m.88: Ainoa.

As Miudas venceron ao Xuventiu Aguino

Partido de moito oficio das Miúdas que conseguiron unha pelexada vitoria no campo da Tasca ante un dos rivales máis complicados da zona alta. Empezaron as de Muros intentando meter atrás ás locales con presión alta e vixilancias constantes sobre Alitas para evitar que xogase con claridade, sabedoras de que a meirande parte do perigo das de Aguiño pasaba polos seus pés. Laura e Noe empregábanse na medular e lanzaban en ataque a profundidade pola banda de Bárbara e a brega en banda contraria onde actuaba Gala, pero as internadas eran sacadas con oficio pola zaga local. Foi unha primeira parte de batalla no medio campo sen ocasións.

Arriscaron os dous equipos algo máis na segunda, pero as costeiras estiveron máis acertadas nas dúas áreas. Atrás, Martina, Antía, Isa e Paula non concederon ningún balón dividido con axudas permanentes protexendo o marco de Yaiza que apenas tivo que intervir, e arriba Bárbara coa funda de traballo dominou xunto Pati a presión na saída dende atrás impedindo que as de Aguiño fixeran o seu xogo.

A entrada en tromba de Maria Dosil e de Ainoa permitiu que as muradás trocasen o partido nun vendaval pola banda dereita, e nun corner tras unha das súas internadas, Noe sacaba pechado e o balón se colaba tras petar nunha defensora.

Púxose máis bronco o choque, con constantes interrupcións e o ambiente quente, e ata Fran Figueroa era expulsado por protestar unha mala entrada sobre Noelia. Tardou, pero chegou o gol da tranquilidade da man de Ainoa, nunha fermosa xogada persoal para darlle ao cadro de Muros os tres puntos.

2ª División, grupo 3, xornada 17

  • Resultado: Bergantiños - Victoria C (3-0)
  • Bergantiños: Lara Sánchez, Rabuñal (Ale, m.70), Sabrina, Seo (Martasa, m.60), Fra, Lore, Torrado, Noe (Paula,m .65), Mery, Tamy (Isa, m.73), Canosa (Eva, m.65).
  • Goles: 1-0, m.15: Noe a pase de Canosa; 2-0, m.30: Mery nunha contra; 3-0, m.43: Tamy.

Bergantinos segunda vitoria O Bergantiños conseguiu a segunda vitoria consecutiva

Planteábase o partido a priori complicado contra un Victoria que na primeira volta goleou ás carballesas, pero desta vez atopouse cun Bergan moi serio e cas ideas moi claras. Empezou o partido cas de Gueli presionando e axfisiando a salida do balón rival. Mery e Tamy non estarían acertadas de cara a gol nos primeiros instantes de partido, pero Noe abría o marcador.

Tras este gol chegaron uns minutos de desconcerto das locais que verían coma as santiaguesas se empezarían a achegar á meta de Lara Sanchez, que evitaría o empate nun man a man ca dianteira visitante. E, como ñe o fútbol, na seguinte xogada, Mery anotaba o 2-0 nunha contra no momento clave do partido.

Canosa tamén estaría apunto de anotar pero o seu lanzamento foi fora por pouco. Finalmente foi Tamy a autora do 3-0 ao rematar un centro de Fra dentro da área, pouco antes do descanso.

Na segunda parte baixaría a intensidade por parte das xogadoras de Gueli, pero terían o control do mesmo en todo momento cun gran traballo de Lore e Torrado en mediocampo.

Finalmente xusto resultado e tres puntos importantes para gañar confianza antes de visitar ao lider Sp. Cambre o vindeiro domingo.

Todas as novidades do FutFem

https://quepasanacosta.gal/futfem-prantando-cara-ao-lider-ascendendo-posicions-e-preparando-a-copadacosta-feminina/

Comentarios