Historia en tempo real
07:38 25/06/17
A final que faltaba, o derbi que tiña que ser, farase realidade esta tarde en San Paio de Refoxos en forma de final entre o Dumbría e o Fisterra, e todo en medio dun envoltorio mediático sen precedentes
Xogadores de Fisterra e Dumbría posan cun cartel de apoio aos traballadores de Ferroatlántica - Foto: SD FIsterra
Hai aproximadamente vinte anos os soños de moitos dos trinta homes que esta tarde se vestirán de curto en San Paio de Refoxos imaxinaban tardes moi parecidas a esta. Porque na Costa da Morte os nenos non só soñan con Wembley ou con levar un Mundial, senón tamén con xogar unha final da Copa da Costa. E aínda por riba se eses rapaces teñen medrado na zona Sur, os protagonistas tamén serían os mesmos que esta tarde. Dumbría e Fisterra debuxan unha final inédita e histórica, o partido que nunca fora e que faltaba, un derbi tan grande en expectación con ínfimo en antecedentes, xa que só hai dous antecedentes oficiais e datan desta mesma tempada en Primeira Galega.
E como se a Galicia futbolística virase de súpeto a vista hacia a bisbarra, o encontro en forma de ateigada romaría popular e acto social estará retransmitido en directo pola televisión pública do país, nun xeito de recoñecer o carácter patrimonial da Copa da Costa. O escenario é tamén un punto intermedio xeográfico e unha sorte de catedral propia dun xigante durmido, un Unión Club Cee que indirectamente estará tamén presente na final.
Prántase o Dumbría cun certo favoritismo propia da súa condición de campión de Primeira Galega, e tamén por ter levado os dous enfrontamentos anteriores. Por momentos, ao equipo de Julián Ferreiro pareceron fallarlle as pernas no torneo do KO, pero sempre que tivo que responder o fixo coa fiabilidade dun coche alemán. Como ven sendo habitual e normativo na competición, causarán baixa o central fisterrán Julito e o meta Iago, por ter xogado xa con outro equipo. O resto de protagonistas serán os habituais, con algunha molestia física puntual nalgútbol home, propia tamén das alturas de curso. Tampouco chegará a tempo o muxián Manu Nogueira.
Do lado da SD Fisterra estará o factor emocional no que significa o retorno a unha gran final desde comezo de século, e tras dúas décadas exactas desde o último triunfo. Supón un pau emocional a baixa do meta Joselu, habitual en toda a Copa e que sufriu unha microrrotura fibrilar no último encontro ante o Baíñas. O resto do equipo estará a disposición dun Nacho pouco amigo de repetir alineación e que se algo ten da súa man é o coñecemento do rival.
Pasen, vean e disfruten. E tamén lembren, que estase a rodar un anaco de historia en tempo real.
Campo: San Paio de Refoxos
Hora: 18.30
Dumbría: Iván Bouzón, Jose, Raúl, Iago, Pablo Conde, Rivi, Aarón, Diego Cespón, Darío Capelo, Martín e Adrián
SD FIsterra: Ángel Luis, Piti, Breixo, Robertín, Fabián, Roco, Cote, Jesús, Adri, Bruno e Tati
Árbitro: Cuesta Arribas (A Coruña).
Así o ven os adestradores:
Julián Ferreiro (Dumbría): "É un encontro difícil, e igualado, como xa amosou o Fisterra nos encontros da Liga"
Nacho (SD FIsterra): "Temos opcións e esperamos aproveitalas; falar dunha final sempre significa algo especial, así que toca agardar e disfrutar"