Venres. 26.04.2024
El tiempo

Liga da Costa: Unha igualdade inédita dende hai moitos anos

Tremendo como está a ser o inicio da Liga da Costa con dous ou tres equipos referencia e con moitas alternativas que non se esperaban antes do comezo.
Cabana - Castriz
Cabana - Castriz
Liga da Costa: Unha igualdade inédita dende hai moitos anos

Subgrupo A

Muros 2 – 2 Muxía

Muros: Xandre; Ra (Flavio, 56’), Iván Cerilla, Dani Jurjo, Gesto (Thiago, 67’); Xaco (Pelos, 79’), Varo (Juanchi, 56’), Saul (Rubén Lago, 56’); Ivi, Monchito e Xavi.

Muxía: Hugo; Xan Nogueira, Maikel, Conguito, Maikel Mouzo; Julián, Mauro Romaní (Rati, 90’), Edu (Fabián Sendón, 81’); Víctor Alcaina, Fran Moreira (Abel, 86’) e Isma Márquez ( Toja, 90’).

Goles: 1-0, 28’: Xavi / 1-1, 44’: Fran Moreira / 1-2, 79’: Fran Moreira / 2-2, 90’: Xavi.

Auténtico choque de estilos o que se viviu no Eleuterio Balayo no encontro adiantado ao sábado. O Muxía de Diego Lobelos foi, coma sempre, protagonista co balón, pero non logrou incomodar demasiado na primeira metade a un Muros que está a facer da intensidade e das rápidas transicións as súas armas nesta liga.  De feito, se adiantaban os locais tras un gran disparo de Xavi dende lonxe que pillou adiantado a Hugo. Foi, entón, máis ao ataque aínda o Muxía que cazou o empate tras un barullo na área ao fío do descanso.

Tras o paso por vestiarios, seguiu sendo un partido moi igualado con poucas ocasións. Pero tras un pase en longo, Fran Moreira facía o seu doblete a once minutos do final, polo que o Muros se vía obrigado a irse arriba e deixar espazos que os visitantes non foron quen de aproveitar por falta de acerto e por Xandre, que salvou os mobles nun par de ocasións. Na outra portería, era o irmán, Xavi, o que facía o empate no último minuto do tempo regulamentario. Pero o desconto deu para moito, sobre todo ao bando local, que protestaría unha man dentro da área e que marcaría un gol tras un remate de Iván Cerilla, nunha xogada que finalmente foi anulada.

Muros Muxía

Cee 1 – 2 Camariñas

Cee: Maikel (Xacobe, 87’); Martín (Iago, 46’), Chema (Pablo Lestón, 12’), Ángel Golpes, Tomás; Cote (Cristian, 67’), Josiño, Patera; Luis Lojo (Brais, 76’), Bruno e Isaac.

Camariñas: Pablo Carril; Barreiro, Roi (Hugo, 61’), Brais (Rodri, 46’), Pablo Suárez; Carlos, Saviola, Mario Suárez (Manuel Pasantes, 75’), Víctor; Nazo e Brandon (Miki, 68’)

Goles: 0-1, 38’: Nazo / 0-2, 40’: Brandon / 1-2, 77’: Bruno.

Non terminan de saírlle as cousas a este novo Cee que so conseguiu gañar na primeira xornada e que sumou a súa derrota consecutiva na casa nunha fin de semana especialmente dura para o club polo falecemento dunha persoa moi achegada á directiva. E iso que non pintaba mal o inicio, cun penalti nos primeiros minutos. Pero Pablo lle gañaba a partida a Bruno e a partir de aí, o Camariñas crecía ata lograr eses dous goles xusto antes do descanso. O primeiro tras un saque de esquina e o segundo nun contragolpe aproveitando a velocidade dos seus.

Na segunda parte, non lle quedou outra ao Cee que irse arriba e logrou crear ocasións para lograr a igualada cun gran Isaac. Pero o gol de Bruno chegou, quizáis, algo tarde, aínda que chegaron a dispoñer de algunha ocasión para o empate.

Lira 1 – 2 Outes

Lira: Balayo; Santi (Costiña, 86’), Raúl (Xakín, 88’), Pablo, Sebas; Lucas, Ángel, Mamadou (Costiña, 70’), Fran; Juan e Oli. Tamén: Costiña, Isaac e Xakin.

Outes: Álex; Yura, Babu, Martín, Cutu; Chía, Iván; Veleiro, Adrián, Eloy; Fran.

Goles: 1-0, 16’: Pablo Rey / 1-1, 44’: Veleiro / 1-2, 47’: Adrián.

Chegaba o Lira coa necesidade de sumar xa tras catro partidos sen lograr facelo, pero desta vez tampouco o conseguiron os de Gabri Sil pese ao seu bo comezo, dominando, creando perigo e adiantándose nun córner ensaiado por medio de Pablo Rey. Un gol que aínda lle deu máis ás aos locais, que seguiron sendo mellores ata que no 44’ empataba o Outes cun bo gol de Veleiro.

E no primeiro minuto da segunda metade, o vento engana a Sebas e Adrián encara so a Balayo para facer o definitivo 1-2. E definitivo porque os visitantes non atinaron a mandar o balón á rede, xa que foron moi superiores durante todo o segundo tempo ante un Lira que non foi capaz de restaurar a orde nin o equilibrio.

Subgrupo B

Buño 0 -2 Coristanco

Buño: Xurxo; David, José, Adrián (Castro, 70’), Bastón (Dourado, 81’); Fran, Diego Ferreiro, Yago; Eloy, Omar (Martín, 60’) e Juan Antelo (Elías, 61’).

Coristanco: Rubén; Dani Vázquez, Nico, Lagoa, Sergio (Corral, 64’); Borja (Kevin, 62’), Mario, Jonathan; Castiñeiras, Villajos (Adri Pazos, 69’) e Jose Pazos (Rubio, 81’).

Goles: 0-1, 30’: Jonathan / 0-2, 54’: Sergio.

O banco do Coristanco en Xaviña

Viña o Coristanco de dúas xornadas sen gañar despois de dúas primeiras xornadas nas que deixara o teito moi alto. E o equipo de Juni volveu a ser ese equipo que xa gañara en Xaviña a primeira semana, con moita disciplina táctica e con eficacia e calidade arriba. E iso que o Buño llo puxo difícil na primeira metade, esperando atrás para aproveitar espazos á contra, pero o Coristanco non daba esa opción. E mediada a primeira parte, un gran pase de Borja na frontal da área deixaba a Jonathan libre para facer o primeiro.

Foi a ofensiva entón o Buño, que tivo dúas xusto antes do descanso tras sendas faltas frontais, pero ao pouco da volta dos vestiarios, os da terra da pataca facían o segundo tras unha gran xogada coral rematada por Sergio. Un gol ao que volveu a intentar reaccionar o Buño cos cambios, pero non foi capaz de crear verdadeiro perigo pese á xusta expulsión de Dani Vázquez.

San Lorenzo 0 – 0 Malpica

San Lorenzo: Puyol; Fidi, Raúl, Lucho, Garrido; Eloy (Padín, 73’), Taibo (Diego, 52’), Ures; Brais (Styven, 63’), Mateo e Alexis (Eloy Ferreiro, 61’).

Malpica: Rubén; Mante, Roberto Mol, José Ángel, Andy; Esmorís; Alberto Hombre, Aday, Jairo, Julián (Manu, 70’); Iván (Jordan, 62’).

Gran partido o vivido en Verdillo pese a que non houbera goles. O Malpica, que chegaba con moitas baixas en defensa, saíu coas ideas moi claras e coa intención de dar un golpe de autoridade para instaurarse, xa de todo, na parte alta da táboa. Así, tras os típicos minutos de tanteo, os de Gurita colleron o mando do partido e colleitaron ás ocasións máis claras da primeira parte a través de Jairo, e, sobre todo, de Iván, que errou unha debaixo dos paus e outra nun man a man no que Puyol lle gañou a partida.

O paso por vestiarios non cambiou demasiado, e os visitantes seguiron a controlar ao seu ritmo un partido que pouco a pouco ía subindo de revolucións con continuas faltas. Nunha desas, Roberto Mol vía a vermella directa e deixaba ao Malpica con dez máis de quince minutos. Algo que, xunto aos cambios, mellorou aos locais, que tiveron oportunidades para levarse a vitoria nos pés de Eloy e Diego.

Cabana 3 – 1 Castriz

Cabana: Víctor; Aaron, Naka, Raúl, Dani; Sergio Ferreiro, Diego Cacha (Fernando, 78’), Diego Moreno, Simón (Sergio Antelo, 70’), Manuel (Rubén, 78’)), Castro (Raúl Corzón, 67’).

Castriz: David Gerpe; Kevin (Carlos Paredes, 68’), Álex Mourelle, Forján; Iván Pastoriza, Mata (Ramón, 75’), Samuel Castro, Adrián García, Saúl; Anxo (Fabián, 61’) e Noly (Guillín, 68’).

Goles: 1-0, 52’: Manuel / 1-1, 56’: Adrián García, de penalti / 2-1, 61’: Raúl / 3-1, 90’: Raúl Corzón.

Igualdade a tope tamén no choque xogado nas Redondas, na que nove minutos tolos decidiron un partido que non brillou por ter moitas ocasións. O Cabana comezou un pouco mellor, incomodando ao Castriz coa súa alta presión, pero os visitantes non se descompuxeron e lograron ter a máis clara da primeira parte, cun disparo que sacou Sergio baixo paus.

Como é normal neste tipo de partidos, foi un erro de David Gerpe o que rompeu o equilibrio ao pouco de comezar a segunda parte. Non obstante, Adrián empataría pronto de penalti, pero Raúl volvería adiantar aos locais ao rematar unha falta lateral. E xa no desconto, Raúl Corzón facía o terceiro nun gran contragolpe.

Sp Zas 1 – 1 Nantón

Sp Zas: Pereiras; Maikel, Ángel, Kiko, Andrés (Braian, 90’); Brais, Adrián (Jose, 45’), Dani Mato, Álvaro (Hugo, 75’); Miguel (Iván, 62’) e Yago (Darío, 84’)

Nantón: Isma; Fran, Costiña, Eloy, Busto; Pablito (Martín Suárez, 29’), Cigarini (Javi Muiño, 59’), Juan; Iván Redondo, Pastor (Iván Moreira, 59’) e Josiño.

Goles: 1-0, 39’: Miguel / 1-1, 87’: Josiño.

Partido que podería ter un marcador moito máis agrandado se ambos equipos non errasen tantas ocasións, sobre todo o Nantón nos primeiros dez minutos. A partir de aí, foi o Zas o que quixo a réplica conseguindo crear moito perigo e mesmo marcando un gol que sería anulado antes do si legal 1-0. Non pasaran nin cinco minutos cando os visitantes tiveron outra moi clara nun intento de vaselina de Josiño dende lonxe.

 Algo que non cambiaría na segunda metade, xa que o Nantón volveu iniciar mellor e a ter ocasións nos pes de Pastor e Iván Redondo. Pero a vermella directa a Busto, por cortar unha contra sendo o último home, mellorou ó Zas, que soubo aproveitar os espazos pese a non ampliar distancias. Aínda así, a expulsión de Brais e de Pereiras nos locais condicionou moito un partido que os de Cabana foron quen de empatar nos últimos minutos grazas a un gol de Josiño dende a frontal da área.

Comentarios