A loita pola salvación na Liga da Costa afronta a súa recta final a lume vivo
A loita pola permanencia na Liga da Costa está a lume vivo, con moitos equipos implicados e tratando de acadar o seu obxectivo o antes posible.
Cada xornada é unha final para todos eses conxuntos que loitan pola salvación e este domingo, hai dous encontros que centrarán gran parte da atención xa que neles enfróntanse catro equipos implicados como son o UD Monte Louro – CD Muros e o Buño SCD – SCD Malpica.
Por todo iso e para analizar esta interesantísima xornada, dende QPC quixemos falar cun protagonista de cada un destes equipos.
Os protagonistas
Pesko, xogador da UD Monte Louro
QPC: Como estades vivindo dende dentro do vestiario a loita pola salvación?
P: Está sendo un ano difícil xa que levamos nesa loita practicamente toda a tempada e a moral non é a mesma cando encadenas malos resultados.
Pero dentro deste vestiario sempre se vive un ambiente positivo. Desde a directiva, corpo técnico, xogadores e sobre todo, afección sempre están axudando e iso é o que fai especial ao clube, o cal é como unha familia.
Penso que a vitoria do pasado domingo chegou no momento idóneo para afrontar o que queda por vir.
QPC: Esta xornada hai varios partidos claves para a loita pola permanencia entre eles, o voso. Como afrontades este derbi ante o Muros?
P: Evidentemente, esta xornada é clave debido que nos imos enfrontar a un rival directo e a que ademáis nos temos que enganchar ao grupo de Muros, Buño, etc.
O derbi sempre se afronta dunha maneira especial, é o bonito do fútbol. Non é o derbi soñado xa que ambos equipos nos xogamos o todo polo todo, por iso hai que afrontalo coa maior intensidad e concentración.
QPC: Un resultado para esta fin de semana?
P: O Muros vén enganchando practicamente vitoria tras vitoria, están de doce. Aínda que confío moito neste grupo e non teño dúbida que se xogamos coa mesma intesidade que o pasado domingo imos lograr os tres puntos. Aposto por un 3-1.
QPC: Atreveríaste a dar un pronóstico de que equipos son os que descenderán a Terceira?
P: A zona baixa está moi apretada e nestes últimos partidos quedan moitos enfrontamentos directos pero xógoma en que serán Cee e Ameixenda quenes descenderán.
Non inclúo ningún máis porque confío en que a Esteirana non vai descender xa que é un equipo que está formado por xogadorazos.
Ramón Lago, xogador do CD Muros
QPC: Como estades vivindo dende dentro do vestiario a loita pola salvación?
R.L.: Estar loitando por non descender é unha situación complicada. Hai moita xente e moito traballo detrás para que o equipo vaia adiante e a nós os xogadores tócanos responder no campo.
Cando as cousas non saen e encadeas varias xornadas sen gañar pois é difícil pero nunca perdemos a esperanza. Agora mesmo, penso que o equipo está respondendo ben, estamos no noso mellor momento da tempada e afrontamos o que queda de liga con moitas ganas e ilusión de conseguir a permanencia. Canto antes sexa mellor para todos, sobre todo, para o presi, que o chaval non está para emocións fortes e senón é por el, posiblemente non teriamos equipo.
QPC: Esta xornada hai varios partidos claves para a loita pola permanencia entre eles o voso. Como afrontades este derbi ante o Monte Louro?
R.L.: Si que hai varios partidos claves, pero nós non nos podemos fixar niso, xa se está vendo nestas xornadas que calquera equipo lle pode gañar a calquera. Por iso temos que ir a Agra da Filgueira a facer as cousas ben e gañar o partido, que non será fácil pois o Louro chega despois de facer un bo partido contra o San Lorenzo.
Por outro lado, o noso equipo está forte, levamos varias vitorias nas últimas xornadas e recuperamos xente que estaba sancionada ou lesionada.
Afrontámolo con moitas ganas, non merece menos un derbi de verdade como este, un Monte Louro - Muros como os de fai uns anos. Sabemos que un bo resultado sería un gran paso para quedar outro ano na Liga da Costa.
QPC: Un resultado para esta fin de semana?
R.L.: Obviamente confío na victoria. Vai ser un partido moi igualado como xa foi na ida, que acabou empate a un.
Non me gusta darmas de vidente, o partido hai que xogalo, pero xa que estamos, un 0-1 cun gol de Dani Noya Tangana.
QPC: Atreveríaste a dar un pronóstico de que equipos son os que descenderán a Terceira?
R.L.: Uff! Con isto si que xa non me atrevo. O Ameixenda parece que será un, pero despois está a cousa moi xusta. Quedan seis xornadas e aínda poden pasar moitas cousas.
Primeiro salvarnos nós canto antes, deixando os máximos equipos posibles por debaixo por mor dos posibles arrastres de ligas superiores. A partir de aí, que se maten! Eso si, gustaríame que os nosos veciños de Louro tamén se salvasen e para o ano volver a disputar o derbi na Segunda Autonómica.
Brais Álvarez, gardameta do Buño SCD
QPC: Como estades vivindo dende dentro do vestiario a loita pola salvación?
B.A.: Despois de todo o que sucedeu dentro do equipo, marcha de xogadores e chegada doutros novos, pois os que estamos sabemos que o obxectivo é a salvacion o antes posible para seguir un ano máis na preciada Liga da Costa e isto pasa por estar unidos e remar todos cara o mesmo lado. Que de feito os que estamos no equipo sabemos de sobra que é o camiño a seguir.
QPC: Esta xornada hai varios partidos claves para a loita pola permanencia entre eles o voso. Como afrontades este derbi ante o Malpica?
B.A.: Como ben ti dixeches hai partidos entre equipos que loitan pola salvación coma nós, pero nós non debemos fixarnos neses partidos, xa que se nós facemos o noso traballo o que fagan os rivais ao fin e ao cabo non nos importaria nin o máis mínimo.
Con respecto ao noso partido, coma ben dis ti é un derbi, un verdadeiro derbi desde sempre, pero iso só o teñen que ver as afeccións e a xente que se acerque a Xaviña o domingo.
Nós, os xogadores, pois eu falo por min, son tres puntos moi importantes para as nosas aspiracións xa que se conseguimos a vitoria, achegariamonos un pouco máis a salvación.
QPC: Un resultado para esta fin de semana?
B.A.: Non son de poñer resultados, pero gustaríame gañar evidentemente. Vou decir un 2-0.
QPC: Atreveríaste a dar un pronóstico de que equipos son os que descenderán a Terceira?
B.A.: Non me vou mollar con que equipos poden perder a categoría. Os que consigan facer o seu traballo pois seguro que teñen moitas papeletas de salvarse e o resto pois xa se verá.
Aitor Vilas, xogador da SCD Malpica
QPC: Como estades vivindo dende dentro do vestiario a loita pola salvación?
A.V.: Pois sobre todo, intentamos levalo con tranquilidade. É certo que estamos nunha situación delicada pero sabemos que dependemos de nós mesmos, e agora temos dous partidos importantes contra rivais que están na nosa zona nos que temos que sumar.
QPC: Esta xornada hai varios partidos claves para a loita pola permanencia entre eles o voso. Como afrontades este derbi ante o Buño?
A.V.: Afrontámolo sabendo que é un partido importante contra un rival que está na nosa situación e que ademáis se trata dun derbi, sabendo da rivalidade que existe entre os dous equipos.
E por senón fose pouco, eles gañaron o partido de ida na nosa casa, o que nos deixou con ese mal sabor de boca.
QPC: Un resultado para esta fin de semana?
A.V.: Creo que pola situación na que nos atopamos os dous vai ser un partido no que ningún vai regalar nada e no que vai custar moito gañar. Diría un 0-2 a favor do Malpica.
QPC: Atreveríaste a dar un pronóstico de que equipos son os que descenderán a Terceira?
A.V.: Pois creo que nós non imos ser un deles e gustaríame que o Buño tampouco o fose, xa que teño varios amigos alí. Dos outros que están na zona baixa, dame un pouco igual a verdade, que se salve o que máis o mereza.