Sábado. 12.10.2024
El tiempo

O Muxía-Fisterra abriu a xornada na que comezan as Ligas da Costa

Muxia-Fisterra en Arlina 2
O Muxía-Fisterra disputado onte en Arliña
O Muxía-Fisterra abriu a xornada na que comezan as Ligas da Costa

Arrincan esta fin de semana boa parte das competicións do Fútbol da Costa. Xa repasamos como empeza o Fútbol base, que este sábado vivirá a súa primeira xornada. Como a Liga da Costa e a 3ª FUTGAL, que empezan o novo curso cun novo e intenso carrusel que viviremos coma sempre en www.futboldacosta.com.

Os que xa empezaron foron os equipos da 1ª FUTGAL, que abriron a liga a semana pasada. Ademais, esta segunda xornada abriuse este xoves co derbi, adiantado pola Barca, entre Muxía e Fisterra.

Muxia-Fisterra en Arlina
Imaxe do Muxía-Fisterra en Arliña

Arliña tiña un ambiente estupendo na tarde de onte para vivir un partido espectacular, cheo de alternativas. Adiantouse o Muxía en dúas ocasións, por medio de Isma Márquez e un gol en propia do ex vermello Maikel Mouzo, pero Bruno demostrou que o seu olfato goleador está afiado para a categoría conseguía empatar en dúas ocasións, o segundo xusto antes do descanso.
Foi Isaac Fábregas o que metía por diante ao Fisterra ao comezo da segunda, pero Hugo Haz e Manu Nogueira case que no desconto (Joselu paráballe o penalti pero no rexeite non perdoabao muxián) daban a volta ao marcador e lle daban a vitoria ao cadro muxián, que suma os seus 3 primeiros puntos na categoría.

A xornada

A Liga da Costa comeza o domingo con moita emoción. Teremos partidos ben fermosos como o Xallas-Baio das 19:00h en Fontenla, ou o Porteño-Corme da Grixa.

Na 3ª, xa debutou o Muxía B a semana pasada para non coincidir coa Barca, encaixando unha goleada ante o Buño. Para o domingo, cómpre destacar o debut do Inter de Brens, ademais nun derbi ceense ante o Pereiriña. Hai partidos entre equipos chamados a estar arriba como o Sofán B-Camelle, o Volantes-Oza, o Cerqueda-Baíñas ou o Malpica-Zas, polo que a temporada prevese ben bonita.

Á falta de coñecer o calendario da Liga da Costa feminina (onte houbo reunión entre os clubs e a Federación), bota a rodar tamén o balón na 2ª División Feminina, na que o Xallas (recibe ao Almeiras o domingo ás 16:30h), o Cee (recibe o PMFriol B o domingo ás 17:00h e o Dumbría (visita Meicende o domingo), buscarán comezar con boas sensacións.

Máis información

Comentarios