O Lado oculto da xenialidade
07:25 01/06/17
Dúas asistencias e outra actuación copeira portentosa do corcubionés Brais propiciaron a vitoria do Malpica ante o Dumbría, o clube que lle dera a primeira oportunidade en categoría Sénior a un dos maiores talentos saídos da Costa nos últimos anos
Brais, en 2012, nunha das súas etapas co Dumbría
Os fenómenos máis marabillosos do mundo hai que buscalos xeralmente na eventualidade, nun momento concreto e preciso, nese destello que fai da súa contemplación unha experiencia inesquencible. Así é en certa forma o fútbol e o talento innato que leva nas súas persnas Brais Lado Castro (Corcubión, 1991), un dos mellores futbolistas que ten producido a Costa da Morte na última década, e protagonista dunha potencial e máis posible que nunca milagre copeira do Malpica. Súa foi a exhibición de oitavos ante a Esteirana, e tamén levou o seu selo o sorpresón do pasado domingo ante o Malpica (2-1), onde non só deu os dous pases de gol, senón que tamén deixar a sensación de que el en si mesmo era o destino da eliminatoria.
Brais Lado Castro leva en boca de adestradores, compañeiros e rivais desde as súas primeira patadas a un balón no seu Corcubión natal. O primeiro clube en fixarse nel alén das fronteiras costeiras foi o Bergantiños, que o reclutou para o seu equipo de Liga Galega Infantil. Tal sería a revolución da súa chegada que ese mesmo verán do 2005 fixo as maletas para facer unha proba co Atlético de Madrid. Ata a beira do Manzanares chegaran os ecos das marabillas dun 'pigmeo' escuálido con regate diabólico e verticalidade. Nesa lotería non houbo a sorte necesaria, e Brais retornaría a Carballo e continuaría a formación no Montañeros. Circuntanciais persoais condicionarían desde entón unha carreira marcada pola irregularidade e a sensación de que as categorías sempre se lle quedaban pequenas. Tras un paréntesis londinense, e afincado en Malpica, é na Pedra Queimada onde aflora o mellor dun rapaz que ameaza con volver. "Penso que teño máis experiencia e ganas de facer algo grande co Malpica; fáltame ser máis regular, e estar motivado en tódolos partidos, aínda que non é sinxelo en Segunda Galega", confesa. "O ano foi moi longo, con altibaixos na Liga, pero acabamos facendo unha boa tempada e o mellor é o grupo que temos, porque o importante a fin de contas é pasalo ben", engade.
A Copa da Costa e o rival máis inmediato, o Dumbría, son agora a gran motivación do extremo. Precisamente, a primeira gran clase maxistral de Brais en categoría Sénior fóra na edición do torneo do KO do 2010, no que levou ao agora campión de Primeira a derrotar ao Unión Club Cee na final. "Estou a facer unha boa Copa e creo que o mellor está aínda por chegar, hai que ser positivo de cara ao e sei que a outro nivel, pero busco facer o que me gusta", di. "Este partido no Conco vai ser moi especial para min, foron moi bos anos, dos que teño bos recordos; estou tranquilo e penso que farei unha boa tarde" prosigue o de Corcubión, que recoñece que algún pique cos seus excompañeiros xa se deu vía telefónica ou redes sociais.
Seguramente, no debe de Brais e na mente de moitos aos que seu fútbol ten cautivado está a pregunta de ata onde podería ter chegado ese talento se a estrada non estivera en ocasións deslizante ou curtada. Falando de factores que só el podería manexar, aflora tamén unha certa autocrítica. "Faltou ter moita máis constancia, sacrificio, e tamén un pouco máis de sorte", explica. A realidade é que a besta ten fame e está apostada esta vez. En Dumbría saben do perigo. Tamén os cazadores de talentos e constructores de equipos gañadores teñen tomado nota de que a maxia ten retornado por 'Hogwarts'. "A día de hoxe non sei que farei o vindeiro ano; só penso en facer algo grande na Copa e despois xa se verá", advirte. Pois collan un bol de palomitas, un asento privilexiado e disfruten da sesión.