Domingo. 06.10.2024
El tiempo

Os invisibles

Os invisibles
Ocultos tralo protagonismo dos goleadores, as grandes paradas dos porteiros ou os túneles dos máis habilodosos, na final tamén estarán futbolistas imprescindibles como o fisterrán Piti ou o dumbriés David Carreira, especialistas nun traballo escuro ineludible e tamén fundamentais na construcción dun vestiario idílico David Carreira, á esquerda, coa súa primeira Copa da Costa, e Piti, á dereita A final da Copa da Costa máis agardada na comarca de Soneira e Fisterra, a máis internacional e mediática, e seguramente a de maior respaldo social en moito tempo invita tamén a deixar voar a imaxinación e facer con ela unha viaxe en oito milímetros. Imaxinen por un intre a saída de Fisterra e Dumbría en San Paio de Refoxos a cámara lenta, cos xogadores protexéndose do sol con gafas e por vestimenta un traxe negro en lugar das equipacións verdes e brancas. De banda sonora opten por un pouco de blues a jazz dos cincuenta/sesenta. Seguro que da mestura moitos xa adiviñan o clásico de Tarantino Reservoir Dogs. E se continuamos botándolle imaxinación é moi sinxelo adiviñar aos protagonistas: A honestidade, experiencia e clase do Señor Blanco serían Roco e Iago; o 'pillo' truculento Señor Laranxa o representarían Bruno e Darío; Señor Rubio como asasino insaciable e deborador de éxitos só habería un, seguramente, que sería fisterrán e xogaría para o Dumbría (Adrián). Pero… que hai do Señor Lobo, solucionador de problemas? seguro que nunha votación popular as candidaturas irían para Javier Pacín Insua 'Piti' do Fisterra e David Carreira Agulleiro do cadro do Conco. Con características comúns de polivalencia, fidelidade a unhas cores e supervivintes a calquera proxecto de renovación, non acostumas atraer titulares e están xusto nas antípodas do foco e a atención mediática, pero seguro que serían como o último parafuso dunha correa de distribución: sen eles, a máquina non iría avante. Piti, no centro, nunha Compostela Cup coa Selección da Costa... e a camiseta do Dumbría Co '12' as costas, unha potencia que lle valdría prestarlle cabalos ao coche de Fernando Alonso e unha entrega innegociable, Piti (Mallas, Fisterra, 1990) é desde hai anos un dos futbolistas máis queridos polos seus propios seareiros. Entre bromas aínda se recrea o seu gol da anterior Copa da Costa en Sofán, o único que se lle lembra en carreira Sénior. E iso que a banda acostuma a quedárselle pequena, pero en máis dunha ocasión ten que correr por dous. "Tento axudar no que podo, cando non tes a calidade de outros tes que facer o que algúns non queren, ou non xogas", sentencia con claridade e resignación un home que vive cómodo nas 'sombras'. "Lévase ben, se gañas xa estás contento, e se perdes non levas a culpa", bromea. Pola súa banda, David Carreira (Dumbría, 1987), habitualmente co '4' ás costas, é dos poucos lugareños que queda no plantel, xunto ao incombustible Pablo Conde. Ten sido membro activo de case tódolos títulos levantados pola entidade do seu pobo, agás os primeiros de comezo de século prácticamente. E por máis adestradores, xogadores ou direccións deportivas que pasen, el sempre acaba por ter minutos. "Pódese dicir que son un futbolista que tenta estar moi metido non partido para non cometer erros e axudar aos compañeiros en todo momento", di sobre o seu rol. "Non me doe a cabeza por estar en segundo plano, eu só quero o mellor para o Dumbría", engade, nun resumo perfecto do que podería ser a idiosincrasia destes dous 'sine qua non'. Outra cualidade común de Piti e David Carreira é que nunca lles deu por vestir outra camiseta, con algún pero. No caso do de Mallas foise axudar ao Calasanz de División de Honra Xuvenil hai case unha década, mentres que o dumbriés alternou o primeiro e segundo equipo nos seus primeiros anos Sénior. De cara á final do domingo, que só é a primeira para o fisterrán, un se pregunta se nunca soñarían, por un día, por minuto, e facer como o porteiro da Coca Cola: marcar o gol decisivo na última xogada, e levar tódolos titulares. "Soño máis con salvar un gol ou unha contra", advirte o '12', algo no que si difiere co '4' dumbriés. "Iso de marcar eu un gol… ufffff, estaría moi ben", confesa. Un xogo con réditos de cara á final podería ser adiviñar a posición tanto de Piti como de David. O fisterrán, que no Calasanz era un 'todocampista' en horizontal' e prefire esa demarcación, ten formado xa como lateral destro, zurdo e central, mentres que Carreira parece terse asentado no eixo da zaga despois de toda unha carreira como lateral. E aínda por riba de non atraer os focos, estes poden pegarlles de refilón, porque seguramente a Piti lle tocará tentar frear a Adrián, e a David a Bruno. "Pódeselle parar? Confiamos nas plegarias de Don Santiago", suspira o da SD. "Non é tarea sinxela, é moi bo xogador e non deixa que te despistes nin un segundo", replica sobre o pequeno atacante verde o zagueiro dumbriés. Con tamaña traxectoria nas súas entidades, e sendo representantes dos seus pobos, os dous teñen vivido tamén nas súas carnes unha rivalidade que era máis de taberna que de terreo de xogo, básicamente porque ata este ano Fisterra e Dumbría non cruzaran os seus camiños nunha competición ligueira. E semella que todo aquelo, para os que de verdade sinten as cores, está nun limbo moi lonxano. "É especial, pero porque é a primeira final de Copa que xogo, o rival daríame igual; entendo os enfados pola perda de xogadores, pero somos equipos con obxectivos moi distintos, e é normal que os mellores acaben xogando no Dumbría", lembra Piti. "Tódalas finais son especiais da igual o rival", límitase a aportar David. Coa avalancha mediática a piques de invadir Cee, e a piques de encarar o último adestramento do ano, os dous tiran das grandes virtudes de toda a tempada para frear a sobrexposición ou os nervios que podan sentir algúns compañeiros. "Supoño que dependerá da persoa, pero eu non lle dou moita importancia, cos Rapacollóns xa me chema", asevera o polivalente fisterrán. E noutra resposta de manual, Carreira apela á 'afouteza' particular deste Dumbría: "É unha motivación para nós, xa qu a todos nos gusta xogar unha final, pero sobre todo a ledicia é facelo con este equipo que formamos, o mellor vestiario do mundo". Suceda o que suceda, o luns seguramente os dous volverán ser invisibles. O '12' só fará de crack sobre unha táboa de surf ou nun skateboard, mentres que Carreira, zagueiro da casa e home do clube, seguirá sendo o candidato perfecto a engordar a directiva a curto prazo.

Comentarios