Pablo Rodríguez e Geno contánnos as súas impresións na previa da final da Copa da Costa
Esta fin de semana, a Costa da Morte e o fútbol da zona centrará toda a súa atención no Conco, onde Cabana e Esteirana xogarán o partido máis importante da tempada como é a final da Copa da Costa.
Os adestradores de Cabana e Esteirana analizan unha final de copa que eles prognostican como moi igualada e na que dous conxuntos formados con xente da casa pelexarán por volver a levar unha Copa da Costa aos seus pobos, 16 e 44 anos despois, respectivamente.
Os protagonistas
Pablo Rodríguez, adestrador do Cabana SD
- QPC: Como ves ao rival de cara a esta final da Copa da Costa?
P.R.: A Esteirana é un equipo feito con xente da casa e moi comprometida co clube e a pesares de non haber tido sorte este ano na liga son un equipo de Primeira Rexional ou Preferente.
- QPC: Como chega o Cabana a esta finalísima?
P.R.: Nós chegamos cunha ilusión enorme. Se nos din isto a principio de tempada ríamos.
A xente está motivada e con ganas de que rode a pelota, vai ser bonito vivir a experiencia.
- QPC: Como agardas que sexa este partido decisivo da tempada?
P.R.: Espero que sexa coma as eliminatorias, ter a posibilidade de gañar o partido durante os 90 minutos pero somos conscientes que temos que dar o 200% para estar a altura da Esteirana.
- QPC: Que significaría para o Cabana e o seu pobo voltar a levantar a Copa da Costa 16 anos despois?
P.R.: Para o Cabana é unha festa de fin de tempada. Temos a xente moi entusiasmada coa final e iso non hai cartos que o paguen. Se podemos levantar a Copa de campión sería un premio grande para toda a xente que nos leva apoiando todo o ano e senón han ser os primeiros en vir levantarnos porque son do mellor do mundo.
- QPC: Que resultado cres que haberá no Conco o vindeiro domingo?
P.R.: Non me gusta dicir resultados xa que son moi supersticioso e nunca acerto, pero váleme calquera que nos faga campións, ata os penaltis (risas).
Quería agradecer tanto a directiva do clube que apostou por nós para levar o equipo; a Fernando por ser quen me meteu neste mundo outra vez máis; e a Rafa que é peza fundamental e sen todos eles isto non sería posible.
Geno García, adestrador da SD Esteirana
- QPC: Como ves ao rival de cara a esta final da Copa da Costa?
G.G.: Vexo un equipo con moita ilusión, moitas ganas e que vai loitar ata a extenuación, ademáis debe de ser así. Nós faremos o mesmo.
- QPC: Como chega a Esteirana a esta finalísima?
G.G.: Con moita ilusión. Con respecto e humildade pero con moita ilusión.
- QPC: Como agardas que sexa este partido decisivo da tempada?
G.G.: Espero dous equipos dando todo o que teñen, sen gardarse nada, desde o principio ata o final.
- QPC: Que significaría para a Esteirana e o seu pobo voltar a levantar a Copa da Costa 44 anos despois?
G.G.: 44 anos son moitos. A Esteirana é un equipo que ten como valor principal a canteira, chegar a unha final con xogadores da casa é o máximo ao que se pode aspirar. Para os xogadores é o obxectivo das súas carreiras.
Imaxínate o que supón gañar esta Copa.
- QPC: Que resultado cres que haberá no Conco o vindeiro domingo?
G.G.: Dame igual. Con tal de gañar e poder adicarllo a afección que leva todo ano apoiándonos e non nos deixou sós.