A Peña Deportivista Ave César trouxo a Lendoiro de volta a Corcubión
Acolleu o Bar Suiza, a sede futboleira por excelencia en Corcubión, a posta de longo da nova Peña Deportivista Ave César de Corcubión. Máis de medio centenar de persoas, incluído o rexedor, non se quixeron perder a volta a casa do eterno Augusto César Lendoiro, que particiou no evento, acompañado por Mauri Escudero, historiador branquiazul.
Tras ver un par de vídeos realizados por Mauri, deses que tanto prestan por X, Lendoiro tomou a palabra, recoñecendo que vén demasiado pouco a Corcubión. Aínda que non lle gustan esta clase de homenaxes, si que se lle notou emocionado polo especial de recibir unha festa así na que sempre será a súa casa.
Ao remate do evento, boa parte da comitiva pasou ao xantar de confraternización realizado na Taberna O Ribeiro. Acompañados tamén da xente da Peña Coruña o Nel e da Peña Deportivista A Moa do PIndo (que esta pasada semana tamén particiou na entrega de Premios da Federación de Peñas), sortearon as camisetas doadas pola Peña, e lembraron ata ben entrada a noitiña, as máis míticas historias do noso club.
Obxectivos
A día de hoxe xa son 43 socios na peña branquiazul corcubionesa, cuia directiva está formada por 6 persoas. Juan Carlos Cristino é o presidente, Mario Atán Díaz o vice e Aitor García Puente o secretario.
A peña trata de herdar e unir todo o sentimento branquiazul tecido ao longo das últimas décadas, protagonizado sobre todo pola Peña Archilos, que a día de hoxe non ten actividade.
Pero ademais de facer cousas en clave deportivista, a súa intención é ser un axente activo na vila de San Marcos e colaborar para que haia máis oferta deportiva na vila, ofrecendo a súa participación en novos eventos deportivos.