Venres. 19.04.2024
El tiempo

#PreviaQPC Toca decidir obxectivos

Porteño- Castrelo
Porteño- Castrelo
#PreviaQPC Toca decidir obxectivos

Chega outra vez cargada de partidos interesantes á xornada desta terceira fin de semana de novembro,  con varios equipos que non queren descolgarse xa dos obxectivos que perseguen nas súas táboas, e máis tendo en conta a curta duración das primeiras fases. Encontros, que coma sempre poderedes seguir en directo no noso carrusel.

É o caso do Sofán, pechacancelas na 3ª RFEF, que recibe a un dos equipos que bordean a zona de salvación: o Alondras (Domingo, 16:30 – O Carral). Os de Alberto queren repetir o triunfo do seu último encontro como locais, e eses tres puntos os achegaría a liña que marca o descenso. Mentres, na preferente tócalle o óso máis duro de roer ao Fisterra, que viaxa á Ponte dos Brozos (Domingo, 12:00) e volve a haber un derbi cun Paiosaco – Xallas (Domingo, 17:00).

Derbis que tamén temos na Primeira, con especial atención nese Baio – Dumbría (Domingo, 16:30) que estreará a plataforma de pago de #QPCtv e no que os locais poderían alcanzar un liderado compartido.  Ademais, o Volantes – Ponteceso (Domingo, 16:35), enfronta a dous equipos que veñen de saborear por primeira vez a vitoria nas últimas semanas. No resto da primeira, haberá que estar pendente do Mazaricos, que tamén podería asaltar o liderado de gañar ao Negreira.

O mesmo sucede co Malpica, que chegaría á altura do líder San Lorenzo de gañarlle (Domingo, 16:15) no partido máis emocionante que se espera no subgrupo B da Liga da Costa.  Do outro lado, hai dous choques vitais para os seus protagonistas. Muros – Muxía (Sábado, 16:30) e Cee – Camariñas (Domingo, 16:00), buscan postularse como alternativa a, parece que invencible, Esteirana.

Pola súa parte, na 3ª destaca o derbi camariñán entre Camelle e Porteño (Domingo, 16:15), á vez que o Corcubión buscará seguir líder recibindo na casa ao pechacancelas, o Ameixenda. Mentres tanto, no fútbol feminino, temos por primeira vez xornada completa cun Bergantiños que intentará seguir ca súa boa xeira a costa do Lugo nas Eiroas.

E por último, no polideportivo, o Villa de Cee viaxa a Lugo para volver a senda da vitoria ante o pechacancelas, mentres que o Fisober xogará ante o Terra de Celanova, empatado a puntos coas costeiras. O voley Dumbría recibirá no Conco ao La Laguna (Sábado, 19:30), segundo clasificado na Superliga 2.

Comentarios