Domingo. 06.10.2024
El tiempo

Unha matrícula de honra e sobresaínte colectivo

Unha matrícula de honra e sobresaínte colectivo
O San Lorenzo de Verdillo acadou o ascenso a Primeira e de paso salvou ao Coristanco na Liga da Costa; a Copa deixou unha tarde intensa e preciosa, que nin sequera un lamentable detalle extradeportivo no Pinguel foi quen de escurecer Celebración do San Lorenzo A Primeira Galega recupera o balance de equipos costeiros, despois de que o San Lorenzo de Verdillo escribise unha páxina brillante e acadara o ascenso tras apabullar ao Praíña nas Pedreiras. Así, a caída de Sporting Zas e Outes queda suavizada polo retorno do Baio e os carballeses, así como por desgracia dun Soneira que tentará que sexa unha viaxe de ida e volta. É o xusto premio a un clube que amagara hai un ano, e ao que diversos contratempos negaron un éxito que parecía seguro. Desta volta ten sido o triunfo da determinación e a fe, ao facer un 2017 inmaculado, case virxe de tropezos e remontándolle posicións a equipos como Ponteceso ou Corme, que antes do Nadal semellaban noutra dimensión. O guante de Mario, a chegada de Fuentefría, as paradas de Javi Souto ou o oportunismo de Juni o converten ademais nun éxito con acento e raíz bergantiñáns. Queda tamén o Coristanco na Liga da Costa. Tamén cun sorriso na boca deixou a tarde na Copa da Costa, con nove goles, nada decidido, emoción e amagos de sorpresa nos dous frentes. En Ara Solis o Fisterra remontou ante un Baíñas que viña como un novato con moi pouco de inexperto. O nivel do plantel vimiancés evidenciou que pode que non para unha carreira de fondo, pero nun cara a cara é un rival indesexable. Golazos como o de Robertín ou o libre directo do defensa Álex Canedo fixeron disfrutar ás dúas parroquias, nun ambiente xa con cheiro a fútbol clásico. O Pinguel non foi moi diferente. O Ponteceso non se achicou nin co madrugador tanto do Dumbría e deulle a volta ao marcador… ata que apareceu un esteirán de pulmón autosostible, pouco dado aos focos e fundamental nos plans de calquera adestrador. Un madridista redomado que emulou a flor do seu equipo favorito na prolongación, cun zurdazo salvador. Era o cúlmen dun partidazo, Na retina do Ponteceso queda un gol anulado e un balón ao longueiro, e na dos visitantes un gol pantasma co selo de Adrián. Pero nesa festa do fútbol un incidente estivo a piques de escurecelo, cun seareiro local armando, outra vez, ameazas sen xeito. A indignación da comitiva dumbriesa foi notable e notoria. E na fase de ascenso Xuvenil o Xallas pasou á última rolda sen ter que xogar, debido ao arrastre do Calasanz sobre o que ía ser o seu rival, o Calasanz B. Enfrontarase na final ao Conxo B.

Copa da Costa, Ida de semifinais

Fase de Ascenso á 1ª Autonómica, xornada 4

Fase de Ascenso ás Ligas Galegas Xuvenil, Cadete e Infantil

Copa da Costa Infantil

Copa da Costa de Veteranos

 

Máis información

     

Comentarios