Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Preferente: En proceso de adaptación

Preferente: En proceso de adaptación

2ª xornada para os nosos 4 equipos na Preferente Norte. E as cousas continúan estabilizándose, pois 3 dos 4 equipos son novos na categoría. Parece que os equipos xalleiros son os que mellor se están adaptando e xa suman 4 puntos nas dúas primeiras xornadas. Iso si, ao Santa Comba estanlle saíndo caros puntos, pois leva tamén 4 expulsións nestes dous primeiros partidos.
Pola súa banda o Dumbría e o Soneira mantéñense con 1 punto, se ben os dumbrieses volvían sufrir un tanto fundamental co tempo cumplido.

Polo de pronto, tan só Boiro, Laracha e Compostela suman os 6 puntos.

Soneira - S.de Compostela (0-1)

  • Soneira: Fran, Modesto, Fran de Urroa, Pablo, Vecino, Santi, Víctor García (Mauro, min.78), Míchel, Quique, Jorge Vigo (Mayor, min.64) e Vía.
  • Gol: 0-1, min.69.
  • Expulsión: un xogador visitante no minuto 87.

Semella que esta campaña non vai ser tan doada para o Soneira como a pasada, para comezar unha derrota no seu campo que o ano pasado foi un bastión de puntos. As 3 baixas significativas sumado ao segundo ano de competición en Preferente pode que non lle dean ese plus de competitividade co que saían o ano pasado.

O encontro foi un calco de moitos outros do Soneira na casa, xogo moi físico, cos locais tentando levar a iniciativa, pero con moi poucas ocasións de gol. O primeiro achegamento con perigo non se computaría ata a media hora de encontro e sería cun lanzamento lonxano de Míchel. Pouco despois chegou a resposta dos santiagueses que nun córner cabecearon a rentes do pau. A mellor ocasión da primeira metade tívoa Vía a rentes do descanso, pero no man a man co porteiro lánzalle unha vaselina que se foi a rentes do pau.

Na segunda metade a tónica do encontro era similar, só que os visitantes ía crendo cada vez máis que podían sacar algo positivo do Municipal e sobre todo cando viron que de novo Vía marraba unha clara ocasión no man a man co meta, sorte para el que lle tirou o balón as mans. Pouco despois chegou o golpe definitivo, tras un córner queda un balón rexeitado na frontal da área pequena defendida por Fran sendo fusilado por un xogador visitante. A partir de aí o Soneira foi un querer e non poder sen crear claras ocasións de gol e botando en falta un referente arriba como era Vituco para xogar de costas ao rival para esperar polo homes que entraban de segunda liña.

Dumbría - O Val (1-1)

  • Dumbría: Juan Purrúa, Iván Pequeño, Tantán (Cacho, min.60), Suso, Aarón, Schuster (Chula, min.70), Iago, Eloy (Tati, min.75), Luisito, Adrián Mackaay (Isma, min.89) e Toni (Jesús, min.75).
  • Goles: 1-0, min.66: Adrián Mackaay; 1-1, min.94.

Segundo partido que remata o Dumbría con cara de tonto. I é que tras dominar boa parte do choque, os dumbrieses perdían dous puntos xa co tempo cumplido. Un balón colgado pasados 4 dos 90 regulamentarios acaba no fondo das mallas defendidas por Juan Purrúa.

O equipo de Canosa controlou o peso do partido en todo momento e mereceu a vitoria. O primeiro tempo estivo máis igualado, sen apenas ocasións. Tan só unha de Eloy a centro de Iago contra o final do primeiro tempo puido variar o marcador.
Pero na segunda mellorou moito o equipo local creando serio perigo. Un centro chut de Luisito foi ao longueiro. A partir do gol de Adrián Mackaay, foron varias as ocasións para sentenciar tanto nos pés do propio Adrián, que tirou frouxo, e mais de Jesús, ou Eloy que marrou unha boa ocasión no minuto 92.

Bertamiráns - Santa Comba (0-2)

  • Santa Comba: Diego, Chinda, Pablo Baña, Angelo, Gonzalo, Jota (Damián, min.85), Colón (David, min.44), Iván Facal, Noli (David Blanco, min.57), Julián (Óscar, min.90) e Roberto Amoedo.
  • Goles: 0-1, min.20: Julián tras un pase en longo de Iván Facal; 0-2, min.90: David Blanco remachou un tiro de Julián tras un saque de banda rápido.
  • Expulsións: O meta Diego no min.44 por vermella directa tras facer unha falta dubidosa fóra da área tras darlle ao balón e arrollar ao dianteiro; e Iván Facal, por doble cartón, no min.75.

Volveu o Santa Comba, por segunda semana consecutiva, acabar con 9 homes o partido. Os xalleiros conseguían unha importantísima vitoria nun campo moi pequeno, tras traballar arreo e loitar con moita garra. O equipo xalleiro estivo moi ben na primeira metade, sobre todo ata a expulsión do meta Diego. Houbo algunha boa ocasión como as de Julián, Noli, que tirou frouxo, ou Iván Facal dende lonxe.

Na segunda metade, xa con 10, e logo con 9, o partido estivo moi roto. O Santa Comba defendía sen pasar demasiados apuros, aguantando o resultado, intentado saír á contra. Pero as dimensións do campo non favorecían o xogo de David Blanco. Ao final, o propio ex xogador malpicán sentenciou remachando un tiro tras unha boa xogada de Julián.

Xallas - Chantada (1-1)

  • Xallas: Cheli, Rubén, Ismael (Brais, min.63), Becerra, Rubio, Martín, Luís (Alexandre, min.67), Álvaro (Ricardo, min.73), Beiroa, Toni e Iván Amor (Aitor, min.56).
  • Goles: 0-1, min.38; 1-1, min.90: Adrián Beiroa tras un rexeite a tiro de Aitor.

Partido moi igualado, cun Chantada moi ordenado, no que o Xallas non puido superalo a pesar de manter o dominio do balón. Os lucenses crearon bastante perigo a balón parado, en saques de banda e córners, como un balón que foi ao pao aos 5 minutos. Os xalleiros puideron adiantarse con balón de Rubio tras un córner no min.10 e outra de luís de cabeza a centro de Beiroa. Pero foron os visitantes os que marcaron ao fío do descanso.

Na segunda metade, o Xallas foi arriba, pero tras varias intentonas, o gol non chegou ata o minuto 90, cando Adrián Beiroa remachou un lanzamento de Aitor. Continúa o Xallas de Iván Cancela facéndose forte na categoría.

Máis información

Novas relacionadas

Máis novas

Fonte

Comentarios