3 pactos para non deixar ningún azul en Coristanco, Laxe e Ponteceso
Perdeu as súas maiorías o PP en Coristanco e Ponteceso, e parece que os pactos entre os grupos da oposición para quitarlle a alcaldía aos alcades populares vai adiante. En todo caso, hai que falar de posibles, e non de feitos, pois ata o 13 de xuño, o día do pleno de investidura, non saberemos o panorama exacto que pode deparar o pleno.
Por Laxe a situación é distinta, pero semellante. Pois foi o PP o grupo que máis subíu, pero parece que o pacto entre socialistas e nacionalistas pode manter un goberno vermello no concello laxense. Un pacto cunha clara condición.
Posible pacto a tres bandas en Coristanco
A forza máis votada, pero en minoría é o PP, con 6 concelleiros, pero TEGA conta con 5, e se suma os apoios dos dous concelleiros sacados polo BNG e PSOE (os seus novos voceiros, Laura Mariño e Abraham Gerpe terán presencia no pleno), Amancio Lavandeira sería novo alcalde. O caso é que aínda non houbo reunión de ningún tipo, a finais da semana haberá algún encontro para ir achegando posturas, e pretensións de cada grupo.
Así o entende o PSdG de Abraham Gerpe, que se ben co PP ten claro que non vai pactar, por agora ”eu non quero mentir, e aínda non teño nada claro, pois aínda non se falou nada, empezaremos a negociar a finais de semana. Gerpe, o candidato socialista máis novo da provincia e con apenas 2 meses recoñece que “eu quero cambio, pero falar de quen vai ser alcalde é precipitado aínda. Eu o que quero é o mellor de Coristanco”.
Amancio Lavandeira vese como alcalde de Coristanco, tras un longo traballo da oposición, e valora moi posivitamente que “construír na oposición produce resultados, unha labor de 8 anos que a xente puido aprezar”. “Un esperaba máis, pero bueno, os resultados son bos, porque había unha candidatura máis”. Agora, leva días nos que non para de “reflexionar, e negociar, e toca repartir”. “Nós, de momento, estivemos pensando- Por agora non tivemos reunións formais, pero alguén se ten que pronunciar, e agora depende de nós. Se queremos chegar a un cambio real, tócanos asumir o paso adiante aos 3 grupos. Nós amosamos a nosa boa vontade, pola nosa parte non vai quedar.”
Lavandeira entende que “sería lamentable do esforzo que levamos moitos veciños durante 24 anos, e agora os votantes dos diferentes grupos non nolo perdoarían. Eu alegraríame de que saíse adiante o pacto, e na política toca chegar a acordos. Nos teremos que ceder parte das nosas propostas, pero farémolo polos veciños.
Con Amancio Lavandeira estarían no pleno escudándoo Laura Tasende, Andrés Manuel Díaz, María Dolores Taibo e Verónica Facal, nun pleno onde Abraham Gerpe e Laura Mariño terían a súa praza como edís, mentres que polo PP entraría Pensado Plágaro (hai quen asegura que de ter que formar parte da oposición renunciaría directamente), Juan García Velo, María Ángeles Gema Eiroa, Clarisa Couto, Emilio Fondo, Luís Souto, e o número 7, se dimite o actual alcalde, sería Jose Rodríguez Conde.
Un pacto a 3 en Ponteceso
Perdeu tamén a maioría o PP de Ponteceso, que quedou con 6 concelleiros, e unha coalición entre PSdG (4), BNG (1) e APIN (2) podería dar a alcaldía a Lois Carballido. Un pacto que parece máis que probable, escoitando aos dous grupos que terían que apoiar a investidura do socialista.
Moi contento se amosa Carballido, xa de reunión en reunión. "Empezamos algunha charla informal cos dous grupos e a idea é colaborar, a ver se podemos reunir as bases e prantexar un acordo de goberno, e neso estamos. O que lle dicía a eles, é que se os anos que estivemos na oposición estivemos colaborando, como foi cando o plan de axuste, pois que iso continúe". É urxente quitarlle a maioría absoluta ao PP, temos que poñernos canto antes a gobernar e quitar ese plan de axuste, parando xa esa subida de impostos. Queremos introducir medidas de transparencia, abrir as portas do pleno e cambiarlle a hora, permitir grabalo, pois a democracia é participación".
Recoñece que "o noso grupo está desexando asinar o pacto, e facelo diante da prensa para que se vexa con total transparencia. Hai bastantes puntos programáticos en común para chegar a un acordo, e con 3 forzas pensando nun cambio de timón para salvar a nave de caer no precipicio, será máis doado. Unha nave na que imos todos os veciños de Ponteceso, e unha nave necesita un capitán e nós aspiramos a coller a alcaldía co apoio da dúas forzas progresistas do pleno".
Apúntanos xa cousas que vai levar adiante se sae adiante o acordo. "Comprometémonos a reducir á metade o gasto político, e xerar unha bolsa de emprego para os parados". E sobre unha posible auditoría, sinala que "evidentemente nós cando entremos comprométonos cos veciños a informalos como está a situación económica do concello. Todos os empregados públicos do Concello teñen os datos enriba da mesa e poden axudarnos ese escaneo. Se se vai contratar unha empresa externa ou se vai facer internamente, aínda non o podemos dicir, porque o compromiso de gasto seguro que está moi apurado."
Duplicaron os votos o grupo de SON-APIN, e entenden que foi polo feito de “facer responsablemente oposición e integrarse na plataforma SON”. “A verdade é que o noso grupo é asambleario, e as 13 de persoas temos que reunirnos estes días, na que nos axudarán xentes da Plataforma a nivel galego, para poñer as nosas directrices entre todos, non o que decida un ou dous. A finais de semana teremos a primeira reunión. Puxéronse en contacto con nós, pero por agora non hai ningún acordo”, apunta Adrián Pose, un dos membros do partido que metería no pleno a José Manuel Pose Verdes e Marco Antonio Varela Vidal.
Carlos Penedo, candidato do BNG pontecesán, consideran un “un feito histórico, que despois de 22 anos de continuismo, a situación cambia radicalmente, e se atisba un cambio político, pois PSOE, Son e BNG están en disposición de gobernar. Outra cousa é como queremos os 3 que esto funcione. Estamos neste período de reunións de Consellos locais, nós aínda non analizamos conxuntamente.
Mentres tanto hai cordialidade entre os candidatos, Lois e Adrián están moi felices.
Un Penendo que así e todo ten os pés na terra. “Pero temos a lousa da débeda, que temos unha boa hipoteca, Nós somos partidarios de facer unha auditoría. Nós temos o referente de Carballo, traer progreso, avance, un urbanismo moderno. E aquí aínda “hai que acabar o clientelismo”.
Unha condición en Laxe
Queda empatado o pleno entre PP e PSOE trala baixada dos socialistas e a subida do PP, pero a chave do goberno tena Xosé Manuel Pose, o voceiro do BNG, que coa súa acta de concelleiro rompería a igualada e daría a maioría e a alcaldía a José Manuel Mouzo Castiñeira, o relevo de Antón Carracedo á fronte do PSOE:
Pose Lema, que considera que aínda é cedo para facer valoracións, entende que “subimos pero non tanto do que esperabamos, polo que traballamos estes anos. Somos a única forza que crecimos”, pero sabe “en Laxe non vai ninguén os plenos, a xente non le os nosos boletíns e o noso traballo na oposición. A estratexia foi errada, a pesar de tanto traballo. Teremos que cambiar de estratexia. Como? Non o sei”.
En todo caso, ser chave de goberno pono nunha tesitura importante. “Non houbo reunións, e aínda temos que confirmar o apoio ca Asemblea, pero o que quedou demostrado é que a forma de traballar do PSOE hai que mellorala”.
Por agora só lle chamou o PP (o PSOE aínda non) e a Asemblea acordou na primeira reunión escoitar as “ofertas” dos dous partidos.
Pero ten unha Condición sine qua non: “Temos un concello en bancarrota, polo é necesario facer unha auditoría das contas contratada de xeito externo. Non podemos participar nun concello sen coñecer o que hai”.
Ademais, recorda que “a nivel galego teremos liberdade total, pero bueno, temos que claro que non imos facilitar un goberno da dereita da desfeita, pero se as condicións non se cumpren, a lei dita sentenza, e tocaralle mandar a forza máis votada”. Iso si, a intención é a de “crear unha pequena revolución, con cabeza e con sentidiño”, e “pode ser que sexa máis consecuente dende dentro do goberno, que dende fóra”.
Novas relacionadas
- 10 maiorías absolutas, 5 do BNG, 3 do PSdG e 2 do PP, e 8 concellos quedan pendentes dos pactos.
- RESULTADOS PONTECESO: Eleccións #24M Ponteceso: O PP mantense como primeira forza pero sen maioría absoluta.
- PONTECESO: 3 listas para intentar evitar a sexta lexislatura de Fondo Aguiar.
- RESULTADOS CORISTANCO: Eleccións #24M: O PP perde a maioría absoluta de Coristanco e as forzas poderán unirse.
- LISTAS CORISTANCO: 5 listas para saír dos Xulgados en Coristanco.
- RESULTADOS LAXE: Eleccións #24M Laxe: O PP supera ao PSdG nunha votación que deixa ao BNG como chave de goberno.
- LISTAS LAXE: Laxe busca relevo para o seu alcalde.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).