61 anos celebrando o Naufraxio de Laxe
Laxe celebrou hoxe a 61ª edición do Simulacro do Naufraxio, un evento singular na Costa da Morte que logrou reunir a centos de persoas no peirao da vila, para vivir o punto álxido desta Festa declarada de Interese Turístico de Galicia. Unha cita que representa o mellor sinal de identidade da vila laxense, un sentimento, e que serve para pechar 5 días de festas.
Antes da partida, durante a tradicional misa solemne na honra á Virxe do Carme na igrexa parroquial de Santa María da Atalaia, o tenor Andrés Meléndrez e o pianista Rupert Twine interpretaron a ‘Salve Mariñeira’ en homenaxe a todos os mariñeiros falecidos no mar.
Ao remate da misa celebrouse a procesión da Virxe por terra acompañada pola Banda de Música de Cee. Deseguido, desenvolveuse a Danza de Arcos na zona portuaria co grupo de gaitas Maruxía.
A representación do Naufraxio no peirao realizouse arredor das 13:00 horas e, posteriormente, levouse a cabo a procesión marítima con traca de bombas. Finalmente, a Virxe do Carme regresou á igrexa parroquial portada polos mariñeiros descalzos que participaron na simulación, coa que se pon fin ás festas patronais de Laxe.
Máis info