Emoción e vida nun ateigado Naufraxio de Laxe
Unha das 9 Festas de Interese Turístico Galego da Costa da Morte tiña lugar esta pasada fin de semana de festas. O Naufraxio de Laxe, que o ano pasado estreaba o calificativo, fixo a súa rendida homenaxe á Virxe do Carme, patroa dos mariñeiros, cunha emotiva represetación teatral que culminou unha longa ponte de Festas Patronais, que este ano estrearon un hastag moi movido na rede: #haiquestar.
Fixo un día perfecto para que milleiros de visitantes, chegados de todas partes (moitos da casa pero tamén mares de turistas), ateigaran o peirao laxense. De feito, houbo máis xente ca nunca. A cita máis esperada do ano en Laxe é un evento cheo de emoción, e as bágoas son habituais tanto no equipo da organización da confraría e do Mar de Laxe, coma no público. I é que representar un naufraxio, nestas terras onde a perda de familiares no mar é tan habitual, por desgraza, non pode evitar esa conmoción.
Baixo un silencio sepulcral arrincaba a representación do Naufraxio. Entraba o barco polo dique e de contado, xa co público volcado e respectuoso, algo fallaba, a barca esvaecíase e a bengala comezaba a alertar. Desta volta foi Fernando Busto ao que lle tocou facer de náufrago. O resto de mariñeiros, como puideron, tras salvárense, recolleron o corpo de Fernando, pero xa parecía tarde. Acodiron aos pés da virxe, que fixo a milagre anual, e todo o mundo cambio o silencio polo tradicional “Salve marinera”.
De contado tiña lugar procesión marítima do Carme, unha das actividades máis auténticas da nosa Costa da Morte mariñeira, que a pesar da implantación de novos sistemas de seguridade (este ano tocou chalecos salvavidas para todo o mundo), esperemos non se perda nunca.
A volta chegaba a parte máis devota, a entrega, cos mariñeiros descalzos, da virxe á Igrexa de Santa María da Atalaia. Un dispendio de fe e devoción.
Tamén destacou moito este día a traca de fogos de artificio das 00:30 da noite, para Joaquín Vidal, responsable turístico do Concello, “a máis espectacular dos últimos anos”.
Unha documental do Naufraxio
O naufraxio foi instaurado en 1962 por un mariñeiro de Laxe, Avelino Lema Santos, que sobreviviu a tres naufraxios. Un Avelino que trouxo esta tradición dunha pequena vila de Perú, onde emigrara, onde aínda se practica esta fermosa e simbólica tradición.
Mandeo Records fixo unha fermosa documental hai varios anos que aínda está moi vixente:
Novas relacionadas
- Naufraxio 2013: O Naufraxio de Laxe celebrou a súa declaración como Festa de Interese Turístico con máis emoción que nunca.
- As 9 Festas Turísticas da Costa da Morte.
- Unha tarde cos percebeiros de Laxe.
- As Festas de Interese Turístico Galego da Costa da Morte.
- O Naufraxio de Laxe protagonista dunha documental con 50 anos de historia.
- Unha vida no mar de Laxe.
- Soñando o Mar de Laxe completa a triloxía sobre a vida mariñeira na vila bergantiñá.
- Os soños do Mar de Laxe.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).