Xoves. 28.03.2024
El tiempo

A eterna parálise das obras de mellora do porto de Laxe volven atascarse no Parlamento

A eterna parálise das obras de mellora do porto de Laxe volven atascarse no Parlamento
Aurelio Núñez e Dolores Toja na Comisión de Pesca do Parlamento Galego Aurelio Núñez e Dolores Toja na Comisión de Pesca do Parlamento Galego

Chegou ao Parlamento, unha vez máis, o asunto da mellora do porto de Laxe. Ben é certo que os Orzamentos da Xunta para este 2017 inclúen unha partida de 1,2 millóns de euros para o dragado do porto laxense, unha partida que vén herdada dos orzamentos de 2015, como lembrou o PSOE. E precisamente foi a portavoz de Pesca socialista, a laxense Loli Toja, a que levou unha proposición non de lei á Comisión de Pesca celebrada no Parlamento este xoves 29, para a levar a cabo “de forma urxente” as medidas necesarias para mellorar a seguridade no porto de Laxe.

Unha medida que non foi aprobada debido aos votos en contra do PP, a quen acusou Toja de presentar unha emenda coa que “pretendían rebaixar a petición urxente das actuacións a simplemente continuar coa colaboración con Concello e Confraría para tomar medidas”. Sinalou que “dende o noso punto de vista trátase dunha desnaturalización inaceptable da proposta para convertela nun mero brinde ao sol”.

Durante a súaintervención, Loli Toja, advertiu que a día de hoxe o porto “continúa nunha situación de inseguridade” que se torna en “grave risco no caso de mar alporizado”, a pesares de ter comprometido comezar coas actuacións xa en setembro de 2014. Así, Toja emprazou ao PP “a demostrar o alcance do seu compromiso real coa mellora da infraestrutura no inminente debate de emendas aos orzamentos da Xunta apoiando as propostas socialistas con partidas orzamentarias para levar a cabo unhas actuacións imprescindibles no dito peirao”.

Apoio de BNG e En Marea, e resposta do PP

O BNG apoiou a proposta do PSOE lembrando que levan 25 anos esperando, e lembrando aquela creación do porto comercial de Laxe, unicamente para contentar “aos amiguetes de Calvo, pero sen ter en conta as necesidades do mar de Laxe. Olalla Rodil di que “hai que cumprir co prometido” e criticou que as derivas das chamadas polo grupo popular “colaboracións conseguiron dilatar a situación”.

Pola súa parte En Marea apoia tamén a proposición non de lei socialista e econfía en que “haia boa mar neste 2017” para levar a cabo os traballos, en relación aos argumentos que puxo enriba da mesa o deputado carballés Aurelio Núñez durante a súa intervención.

Núñez foi enumerando os “problemas tras problemas” que foron provocando os retrasos no comezo dos traballos, dende un erro nun estudo universitario sobre os fondos para facer a dragaxe da ría, ata a forte mar laxense… Apuntou ademais que ”a Rede Natura foi a única razón pola non se comezou este verán”, sinalando que “non se sabía que a zona era Rede Natura”, e que por iso houbo que cambiar a elaboración do estudo de impacto ambiental”.

Núñez quixo asegurar “o compromiso do actual Goberno galego” e lembrou que “a colaboración existente entre a Xunta, autoridades locais e Confraría de Pescadores para levar adiante un proxecto que segue coa súa tramitación administrativa e mantén a consignación orzamentaria”.

 

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios