A ornitoloxía tamén embriaga aos trasnos
Se cando os trasnos din que O Camiño dos Faros ten unha paisaxe a cada paso, non minten. Así o comprobaron o pasado sábado, cando máis de 100 trasniños (as etapas conxuntas están cada vez máis solicitadas) percorreron os 26km da terceira etapa que hai entre Ponteceso e Laxe. Xa van, dende o comezo das etapas, máis de 250 trasniños chegados de toda Galicia.
Natureza, cultura castrexa e megalítica, ornitoloxía... Menudos tesouros que depara cada etapa deste roteiro de sendeirismo creado pola cidadanía dende a rede, que agora necesitaría dun impulso económico para poder contar cunha sinalización e promoción axeitada. Por suposto, sen desmerecer o gran traballo da familia de Traski, o promotor anónimo deste proxecto, que con moito esforzo e sen apenas gastos ten creado unha marca por si soa, ten sinalizado boa parte do camiño e ten dinamizado a Costa dun xeito espectacular.
Desta volta a etapa contaba con dúas paradas para escoitar sendas intervencións especialistas. A primeira, no Miradoiro de Aves Rabuñal Patiño do Estuario do Anllóns, onde estaba esperando o mesmísimo ornitólogo que dá nome ao lugar, José Luís Rabuñal Patiño. Lembra Traski que durante a primeira edición do Camiño dos Faros apenas eran media ducia de trasnos os que se cruzaron con Rabuñal, e o sábado pasaban de 100. Menuda clase maxistral de ornitoloxía lles brindou, amosando toda a súa experiencia de máis de 4000 visitas documentadas desde 1979. E menudo potencial turístico que ten este mundo.
O mesmo amor pola natureza e polo entorno amosou o bo de Lito Eiroa. Técnico de Turismo do Concello de Cabana, Lito coida do patrimonio cabanés coma se fose a súa casa. Tras subir o Rego dos Muiños, Lito falou no Castro da Cibdá de Borneiro e explicou como vivían os habitantes destas terras fai máis de 2000 anos. Outra clase magistral, moi fluída e chea de detalles.
Desde alí xa toca preto outra sesión de patrimonio, desta volta, megalítico, no Dolmen de Dombate, pero o horario reducido impediu que todos chegasen a tempo.
A natureza volvía recuperar o protagonismo e as vistas da Ría de Corme e Laxe dende o Monte Castelo de Lourido o demostraron.
Chegar á praia de Laxe neste final da terceira etapa é outra das sensacións do camiño. Percorrela amodo e descalzo polo bordo do mar, sen présas por chegar, facendo gozar todos os sentidos... é un agasallo que só che pode ofrecer este Camiño dos Faros.
Vindeira etapa
Para os que quededes con gañas, o vindeiro sábado 26 de outubro os trasnos farán a 4ª etapa deste Camiño do Faros entre Laxe e Arou con 17,2 km, na que pode participar todo o mundo. Só tes que aparecer no punto de quedada en Arou, no Bar Galicia, ás 9 da mañá.
Máis información
- guiacostadamorte.blogspot.com: O Camiño dos Faros.
- O Camiño dos Faros no Facebook.
- Recunchos da Costa.
Novas relacionadas
- 8ª etapa do Camiño dos Faros: Os trasnos remataron de unir a Costa da Morte polo Camiño dos Faros.
- 7ª etapa do Camiño dos Faros: O Camiño dos Faros non para.
- 6ª etapa do Camiño dos Faros: O Camiño dos Faros faise máis que real.
- 5ª etapa do Camiño dos Faros: A imaxinación vai a pé.
- 4ª etapa do Camiño dos Faros: O Camiño dos Faros xa non ten volta atrás.
- 3ª etapa do Camiño dos Faros: Os camiñantes vertebraron a Costa dende Ponteceso a Camariñas pasando polo Monte Pindo.
- 2ª etapa do Camiño dos Faros: Os camiñantes foron unha fin de semana máis os protagonistas.
- 1ª etapa do Camiño dos Faros: O Camiño dos Faros ábrese ao mundo.
- Percorrendo a pé, e con Traski, o Camiño dos Faros da Costa da Morte.
Máis novas
- Natureza, historia e etnografía facendo sendeirismo por Malpica.
- Javier Couto: “O turista cada día é máis esixente, e cada vez pide máis sendeirismo”.
Máis novas
- O primeiro Roteiro Natural do Concello de Malpica cumpre 25 anos.
- Os Camiños do Mar lévannos a Ponteceso.
- Xeocaching: En busca do tesouro agochado.
- Facendo cumio do Roteiro das Peixeiras do Monte Pindo.
- Roteiros homologados na Costa da Morte?.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).