Xoves. 25.04.2024
El tiempo

O Camiño dos Faros non para

O Camiño dos Faros non para
65 trasnos percorreron a penultima etapa do Camino dos Faros

Non pararon os trasnos a pesar da traxedia. Cada un dos 65 trasnos decidiu individualmente como dosificar as noticias que chegaban do desastre. Pero é que o Camiño dos Faros hai que andalo, e deste xeito, 12 horas despois do accidente, sen tempo a reaccionar, e con xente convocada de toda Galicia, o pasado xoves 25 de xullo, nun día da patria de loito, percorreron a 7ª etapa do Camiño dos Faros, a penúltima, para seguir facendo realidade un proxecto que nacía na rede, e dende o pobo.

Queda só unha cita, unha etapa, que será o vindeiro 4 de agosto para completar a primeira ruta física realizada a través deste fermoso sendeiro polo litoral chamado O Camiño dos Faros. Se ben a promoción que están a facer os Traski e compañía a través das redes sociais é espectacular, cómpre esperar que algún ente relacionado co turismo costeiro, colla o relevo e convirta este camiño sinalizado virtualmente nunha verdadeira arma de atracción turística, sinalizando físicamente o roteiro, promocionándoo, vencellando a todos os Concellos, creando panfletos...

A 7ª etapa

O Camiño dos Faros na praia de Lourido

A expedición partíu de Nemiña, dende onde un bus de Autocares Pedro Pombo, que segue colaborando co Camiño dos Faros, levounos ata o Coído de Muxía. A etapa era a máis dura ata o momento, con 23 quilómetros nun continuo sobe-baixa e por terreos complicados, cruzando todos os acantilados da costa de Muxía.
Dende a zona cero do Prestige toca saír por diante do campo de Arliña e atravesar a fermosa praia de Lourido.

A primeira subida chámase Monte Cachelmo, uns 750 metros de ascensión cunha pendente media do 15% para chegar a un dos miradores máis espectaculares desta Costa da Morte, desde o que puideron divisar o Faro Vilán, toda a ría de Camariñas, Muxía, Punta Buitra e o Cabo Touriñán. Aos pés do imponente Monte Cachelmo atópase a Furna da Buserana, escenario dunha lenda que nos fala do amor entre o trovador Buserana e a bela Florinda.

Punta Buitra é outra dos salientes que ten esta revirada costa de Muxía, á que chegamos pola pista que atravesa o monte, con fermosas vistas do mar rompendo nos acantilados de Monte Cachelmo e a praia de Arnela. Ao chegar á Punta Buitra, é outra vez o espectáculo dos acantilados o que nos deixa coa boca aberta. O monte cae abruptamente formando varias puntas onde o mar non para de romper enchéndoo todo de espuma.
É unha pena que non exista un pequeno carreiro que percorra a outra cara de Punta Buitra e a ensenada de Cuño ata chegar a Moreira. Sabemos que o terreo non é fácil, pero sería un camiño espectacular para o paseo.

O Camino dos Faros baixando

Logo de chegar á punta, O Camiño dos Faros ascende ata a cima do Monte Buitra e volve baixar ata a ensenada de Cuño, onde tocou a parada de avituallamiento, aproveitando un regato que desemboca alí e que fai un pequeno SPA para as pernas dos trasnos.
Desde alí hai que chegar á seguinte praia, a de Moreira, pero para iso tiñamos que ascender nada menos que ao Monte Pedrouzo, cima desta etapa con 259 metros de altura. Toca baixada ao nivel do mar para chegar á praia de Moreira, e a etapa suavizábase camiño de Faro Touriñán, os os guías recordan a súa historia de naufraxios e lendas.

Desde Touriñán bordeamos toda a costa norte do cabo ata alcanzar o mirador e a estrada que os levará por Talón á praia de Nemiña.

O Camino dos Faros por Tourinan

Vindeira e última etapa

Será o vindeiro 4 de agosto cando os transos rematen de facer real o Camiño dos Faros, coa 8ª e última etapa entre Nemiña e Fisterra.

Máis información

Novas relacionadas

Máis novas

Máis novas

Fonte

Comentarios