Mércores. 09.10.2024
El tiempo

Aberto o prazo para a segunda edición do concurso infantil “Quero Cantar”

Aberto o prazo para a segunda edición do concurso infantil “Quero Cantar”

Deixaron dende Laxe o listón moi alto, gañando a primeira edición. Pero toca superalo. O Concurso de música infantil e xuvenil “Quero Cantar”, que promove a Deputación, volve estar en marcha. Ducias de centros educativos da provincia poden presentarse xa (o prazo remata o día 20 de xuño) para facerse cos diferentes premios, que consistirán en 1500, 1000 e 500 € en material escolar ou produtos culturais en galego para 1º, 2º e 3º das categorías infantil (ata 12 anos) e xuvenil (de 13 a 16). Ademais, os dez grupos finalistas gravarán un CD coas súas cancións do que se fará unha edición de 1.000 exemplares e tamén se distribuirá na rede.

Un concurso que ten como obxectivo a normalización lingüística a través da música e que quere converterse en “referencia no mundo da nova música non só para público infantil e xuvenil senón tamén feita desde esas idades”.

Os grupos deben presentar a solicitude no modelo normalizado que se obtén nas web www.dacoruna.gal e www.querocantar.gal, ou no Rexistro Xeral da Deputación achegando a maqueta da composición, a relación de compoñentes do grupo, a descrición das necesidades técnicas e de escenario, a breve biografía do grupo e o documento de aceptación das bases do concurso. O prazo remata o 20 de xuño e as bases completas pódense consultar na seguinte ligazón: https://www.dicoruna.es/cultura/premios/premio-quero-cantar.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios