O Arquivo Vidal xa é Ben de Interese Cultural
Gran nova para Laxe, para Bergantiños e para toda a Costa da Morte. O Arquivo Fotográfico Vidal xa é Ben de Interese Cultural de Galicia, segundo acaba de publicar o Consello de Goberno da Xunta este pasado xoves 18 de xullo.
Unha consecuencia do exemplar traballo levado a cabo pola Concellería de Turismo de Laxe durante a pasada lexislatura co apoio incondicional da Deputación, para poñer en valor un legado de valor incalculable que repasa a historia da nosa comarca como gran testemuño gráfico e documental de moito interese.
Un Arquivo fotográfico, composto por unhas 60.000 imaxes realizadas por Plácido Vidal Díaz e José María Vidal García, pai e fillo respectivamente, desde finais do século XIX ata os anos 70 do pasado século, que é propiedade do Concello de Laxe, e que terá agora todas as características para ser respectado, difundido e protexido a tódolos niveles polo valor social, cultural, histórico e artístico.
Como BIC, compre coidar a súa protección, así como establece un réxime de visita para o público de, polo menos, catro días ao mes, sendo o Museo do Mar o punto de encontro.
Unha liña que pode servir de guía para recuperar o esquecido legado de Ramón Caamaño, o fotógrafo da comarca de Fisterra.
Novas relacionadas
- Abril 19: A historia do Arquivo Fotográfico Vidal.
- Abril 19: Laxe estreou unha potente exposición sobre a vida e obra de Vidal.
- Setembro 2018: O Arquivo Vidal dá pasos para a súa declaración como Ben de Interese Cultural.
- Agosto 18: O libro fotográfico de Vidal desborda ilusión.
- José Vidal, “o fotógrafo da xente”. O libro de Xan Fernández Carrera.
- “A historia da Costa da Morte do século XX resultaría moi difícil de escribir sen consultar a obra de Ramón Caamaño e José Vidal”.