Mércores. 23.10.2024
El tiempo

O BNG de Laxe pregunta polo Plan Estratéxico de Turismo para o verán

Imaxe do pleno de marzo 2024 de Laxe
Imaxe do pleno de marzo
O BNG de Laxe pregunta polo Plan Estratéxico de Turismo para o verán

O BNG laxense vén presenta dúas mocións para o pleno deste xoves 30 de maio. Unha delas para solicitar ao goberno municipal que elabore e poña en marcha un plan estratéxico para o verán 2024 e, a outra, para solicitar á Xunta de Galicia modificar a Lei 6/2007, de Portos de Galicia, para eximir ós concellos e entidades sen ánimo de lucro do pago pola utilización de terreos portuarios 

Plan estratéxico para o verán 2024

A portavoz segunda, Cristina Vázquez del Prisco, lamentou que “a pesar de que Laxe foi recoñecido como concello de interese turístico galego no ano 2007 pola alta afluencia de visitantes, os seus atractivos turísticos e servizos públicos, hoxe todo iso se foi deteriorando”. O que se traduce en “problemas de tráfico, accesibilidade e unha oferta cultural e turística cada vez menos ambiciosa, entre moitos outros”. O BNG solicita, así, ao concello a elaboración e posta en marcha dun plan estratéxico para preparar a vila e as parroquias para a chegada do verán e dos numerosos visitantes que se esperan.

Para iso, o grupo municipal do BNG presenta para a súa aprobación polo pleno da corporación esta moción que inclúe unha serie de acordos que inclúen melloras nas áreas de limpeza, tráfico e turismo e cultura. 

Modificación da Lei 6/2007, de Portos de Galicia

A segunda das mocións presentadas consiste na solicitude, á Xunta de Galicia, da modificación da Lei 6/2007, de Portos de Galicia, para eximir ós concellos e entidades sen ánimo de lucro do pago pola utilización de terreos portuarios. “Os concellos veñen abonándolle cantidades moi importantes pola utilización do dominio público portuario. Ademais das elevadas contías, os concellos tamén soportan a nefasta xestión de Portos en canto ao seu cobro” explicou a portavoz. “O BNG vén insistindo no máis que evidente afán recadador da Lei de Portos de Galicia, as tarifas abusivas que se cobran pola realización de actividades en terreo público portuario que, na maioría dos casos, tamén en Laxe, correspóndese con espazos integrados na trama urbana dos concellos e onde son estes os que se encargan da súa limpeza e mantemento durante todo o ano”.

Estas son algunhas razóns que levan ao grupo municipal a esta moción, propoñendo a adopción de acordos para que a Xunta de Galicia non aplique os artigos correspondentes ás autorizacións para instalacións de lecer e similares propostas polas entidades locais e entidades sen ánimo de lucro, de xeito que queden exentas do pago das taxas pola realización de actividades no dominio público portuario, así como para solicitar a transferencia da titularidade do tramo urbano da Rúa Rosalía de Castro de Laxe que segue a ser da administración portuaria, “como xa foi aprobado por esta Corporación por unanimidade en repetidas ocasións a instancias do BNG”.

Comentarios