venres. 06.12.2024
El tiempo

Carlota Allo, a recanteira da Costa da Morte que está triunfando na TVG

Carlota Allo a Recanteira nas dunas de Laxe
Carlota Allo, a Recanteira nas dunas de Laxe
Carlota Allo, a recanteira da Costa da Morte que está triunfando na TVG

Carlota Allo Gómez naceu en Laxe, un enxebre pobo da Costa da Morte cheo de tradición mariñeira e gran reclamo turístico. Aínda que a súa paixón pola música florece a idade dos cinco anos, esta artista emerxente de 25 é mestra de educación infantil e persegue adquirir sempre novos coñecementos para millorar a súa formación como futura docente e as necesidades educativas dos rapaces.

Con cinco anos xa cantaba na Orquestra Tropical, unha formación infantil que naceu da imaxinación de tres pequenas que soñaban con subirse ao palco dunha orquestra galega. "As compoñentes eramos unha prima miña, unha amiga dela e máis eu. O escenario era a beirarrúa da casa dos meus avós en Laxe. Sempre nos chamaban a atención porque era elevada pero eso era, precisamente, o que nos daba a sensación de palco. Os micrófonos eran os paus das vasoiras. Preparábamos cancións e coreografías que máis tarde lles cantabamos aos veciños" recordaba Carlota.

Na Escola Municipal de Laxe tomou clases de guitarra e máis adiante de piano aínda que o seu talento musical quedou marcado polo seu paso pola banda de gaitas Maruxía do concello.

Carlota Allo coa banda de gaitas Maruxia de Laxe
Carlota ca banda de gaitas Maruxía

"Costoume moito entrar porque tiña moita vergoña para ir falar co director da banda pero ao final foi miña nai a que tomou a iniciativa. Comecei coa pandeireta e logo coa gaita".

Foi integrante da banda dende os 10 ata os 16 anos pero, obrigada pola distancia e a maior carga de traballo que os estudos fóra do pobo acarreaban, tivo que deixala. "É difícil aguantar as bágoas cando xa non formas parte e ves aos teus compañeiros desfilar co millor repertorio polas festas do pobo".

Unha vez finalizado os seus estudios, esta laxense soñadora voltou ás súas raíces para retomar esa paixón polos instrumentos e o cantar. Xunto cunhas compañeiras que sentían a mesma morriña formou o grupo de pandeireiteiras Leliadoura. Na actualidade, esta mestra de corazón con alma de cantante de orquestra galega, está participando no programa Recantos da televisión galega representando ao talento da Costa da Morte.

Carlota Allo co grupo Leiladoura
Carlota Allo co grupo Leliadoura

"A idea de presentarme a cástings ven de moito atrás. De pequena tratei de presentarme ao Operación Triunfo de nenos pero non houbo sorte. A idea de Recantos xurdiu durante o confinamento. Un día, vendo a tele con miña nai, culpable unha vez máis, apareceu o anuncio do cásting do programa e ela retoume a que non sería capaz de presentarme. Ese foi o empurrón definitivo. Aínda que me daba vergoña, gravei os vídeos cos tres estilos diferentes para enviar".

Aínda que moitas persoas do entorno descoñecían esta faceta musical de Carlota, apoiárona de inmediato e o seguen facendo dende o primeiro intre da súa participación no programa. "Nun abrir e pechar de ollos atopeime rodeada de 19 compañeiros e compañeiras que non coñecía de nada e recibindo instrucións no plató de Luar".

Tras a rodaxe do programa de presentación e, tras resultarlle un mundo tan abrumador, estivo a punto de tirar a toalla pero segundo pasaban as semanas foise mentalizando que iso se ía convertir na rutina de cada venres, o que lle permitiu presentarse con seguridade e dunha maneira cómoda a cada ensaio e actuación.

Carlota nun intre da actuación en Recantos
Carlota nun intre da actuación en Recantos

"Dende que comecei esta experiencia cos meus compañeiros e compañeiras compartindo momentazos e paixón, síntome moi agradecida, principalmente no meu caso que parto de cero neste mundo, polos consellos, polo ánimo e a forza que me transmiten".

Carlota non se sinte moi satisfeita cos resultados do seu paso polo programa pero sí con todo o aprendido dun mundo que descoñecía e no que espera prepararse millor de cara ao futuro.

"A verdade é que me sentín moi arroupada pola veciñanza e recibín moita axuda tanto para a promoción desa primeira actuación, como para o vestiario e perruquería do programa, da man de Vístete moda en Baio, e Azabache de Laxe. O cambio máis notable veu da man das redes sociais, nunca me esperei que as solicitudes de amizade e as mensaxes privadas, algunhas delas un tanto subidas de ton, se incrementasen dese xeito".

Na actualidade son un total de 20 recanteiros e recanteiras representando a unha zona da comunidade galega que irán cantando ao longo da primeira fase dúas persoas cada venres, primeiro unha canción individual e de seguido un dúo. Esas actuacións serán valoradas polo xurado do concurso alí presente que emitirá unhas puntuacións cunha valoración total de 30 puntos aos que poderán sumarse 10 puntos da porcentaxe que a cada concursante lle corresponda do apoio que o público lle amose esa mesma noite, e, por último, terán o derradeiro punto que será asignado a man alzada polos propios compañeiros e compañeiras do concurso. Eses puntos pasan a facer parte dunha clasificatoria xeral na que estarán os 20 concursantes e que irá actualizándose de maior a menor cada semana, establecendo así un ránking no cal as 4 persoas con menos puntos abandonarán o concurso unha vez rematada esta primeira fase.

Comentarios