Descubrindo Galicia dende a Costa da Morte a través do Feísmo?


Temos canteira na Costa da Morte, e así o comprobamos con varias experiencias nas Bondades da Fala. E tamén temos cemento, moito cemento. Unha combinación que deixa creacións como que a veñen de protagonizar 2 mozos costeiros e un herculino.
Falamos de Feísmos?, un proxecto colaborativo que pretende reflexionar sobre urbanismo, territorio, paisaxe e estética, 4 conceptos ás veces, difícil de combinar.
O baiés criado en Carballo Alejandro Gándara, a laxense criada en Baio Antía Ameixeiras, arrincan xunto ao coruñés David Fontán, este proxecto para comprender a nosa realidade facéndonos moitas preguntas que nós tamén nos facemos: Que é feísmo? Onde remata a reciclaxe e comeza a chapuza?.
Primeiro vemos un dos seus primeiros vídeos, e de contado falamos con eles.
- QPC: Imos ver. Primeiro, que é para vós o Feismo? Non ten xa un aquel positivo no imaxinario galego?
A esa pregunta só poderemos responder cando rematemos o traballo! Precisamente a idea do proxecto é botar, de xeito colectivo, un pouco de luz sobre un asunto tan complexo e controvertido coma este. Sobre o feísmo escribíronse grande cantidade de artigos, fixéronse congresos, editáronse libros... É un tema recurrente nas redes sociais, mesmo ten sección propia nalgún xornal de tiraxe importante. Pero a xente que permanece fóra destas canles, en boa medida primeiras afectadas ou protagonistas do asunto, sabe o que é o feísmo? Coñece tan sequera o termo? Preocúpalle o asunto? E os entendidos, realmente entenden o mesmo?
Sobre se ten un “aquel” positivo, máis ben semella ó contrario. É positivo que a xente estea concienciada sobre temas como a arquitectura e a conservación do patrimonio, pero semella que o chamado feísmo –sobre todo no rural– se ve coma un estigma. Non pensamos que todo o que rodea estea asunto teña que ser, por definición, malo. O problema é que aquí estamos afeitos a ver cun prisma negativo todo o que nos acontece; quizais parta de aí a visión que os medios de comunicación dan sobre o asunto, un tema que daría xa non para un TFG, senón para unha tese.
- QPC: Como nace a idea de montar este proxecto? Cal é o obxectivo principal? De que accións constará?
A idea naceu cando unha tarde de verán, os tres responsables do proxecto nos puxemos a debater sobre o camiño que levarían os nosos traballos de fin de grao (estudamos Xornalismo e CAV na USC), e suxeriuse a idea a opción de tirar por esta liña de maneira conxunta. Pareceunos brutal, xa que sobre este eixo gravitan moitas nocións: urbanismo, cultura, territorio, paisaxe, estética, reciclaxe… Moito do que fomos, somos e queremos ser está reflectido aquí. E como consideramos que para dar respostas o primeiro que hai que facer son preguntas, foi así, a base de preguntas, que chegamos a pór en marcha este proxecto.
O obxectivo é que, durante os meses que dure esta viaxe, tanto nós como a xente que segue o proxecto vaiamos reflexionando sobre os feísmos e as súas implicacións; vaiamos aprendendo das diferentes realidades que existen, tanto en Galicia como fóra, ao redor deste asunto... E quizais, comprendendo o que somos, sexa máis sinxelo que saibamos o que queremos ser.
As accións iremos revelándoas na web feismos.eu, se as dicimos agora perdería graza o asunto. O que si podemos dicir é que para elas contaremos coa participación da xente dos 3 lugares (Ardemil, Malpica e Agra do Orzán). Estes lugares non os escollemos de casualidade; representan os tres ámbitos territoriais nos que queremos desenvolver o noso traballo (rural, vila e cidade), e entre os que queremos establecer unha comparación. É posible que un termo coma o feísmo englobe elementos de territorios tan dispares?
- QPC: E un par de cousas mais xerais: Credes que a APLU está levando a cabo os suficientes derribos no litoral costeiro?
Bueno, non somos expertos en urbanismo nin pretendemos selo. O que semella claro é que non se actúa coa mesma contundencia contra as construtoras que contra os individuos particulares que deciden facer a súa vivenda aos poucos.
- QPC: Por que credes que custa tanto sacar adiante os PXOM nos concellos galegos e costeiros?
Está claro que non somos o país coa maior cultura democrática, aínda hai relativamente pouco que contamos con institucións democráticas –aínda que limitadas– estables. O caciquismo segue presente en diversas formas na sociedade galega, e desde logo os intereses económicos de certas persoas están aí e inflúen en como se lexisla, e mesmo en quen lexisla.
Máis información
Novas relacionadas
- A documental que derruba muros con pintura.
- Unha nova licencia anulada na Anchoa por ser outorgada de forma irregular.
- Feismo de vangarda.
- O Enxeño Galego: O retrete floreiro.
Entrevistas da canteira costeira en As Bondades da Fala
- Mimadriña: “Moita xente pequena, facendo cousas pequenas, en lugares pequenos…”.
- Adrián Varela: “Non cremos o suficiente na nosa zona”.
- Formando o futuro da Costa: De proxectos culturais e educativos.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).