Venres. 29.03.2024
El tiempo

Mercedes Pazos: 'Gustaríame que as mulleres que están pasando por unha situación de maltrato se atreveran a contalo'

IMG-20190401-WA0026b
Mercedes Pazos durante a presentación do seu libro en Laxe.
Mercedes Pazos: 'Gustaríame que as mulleres que están pasando por unha situación de maltrato se atreveran a contalo'

Mercedes Pazos Allo (Viqueira, Laxe, 1961) presentou o pasado domingo en Laxe a súa obra 'El golpe de los cobardes'. Nela recolle distintas historias reais, propias e doutras mulleres, acerca da violencia machista. Esta laxense aprendeu desde cativa a amar a poesía e a prosa, unha paixón que levou a Mercedes a ampliar os seus coñecementos pola literatura. Aínda que nunca puido estudar unha carreira, 'iso non impediu que adquirise soltura ao escribir, porque o escritor non sei fai, senón que nace connosco', afirma. Falamos máis polo miúdo con ela.​

  • Con que historia se vai atopar a persoa que merque ‘El golpe de los cobardes?

Coa miña propia historia, desde o maltrato físico ao psicolóxico. Tamén fago unha pequena reseña acerca dun caso de maltrato sufrido por unha amiga, e a superación deste.

  • Desde pequena tiveches paixón por ‘devorar’ lecturas. Cal é o primeiro recordo que tes de poñerte a escribir?

Aos 13 anos xa fixen algunha pequena novela, que acabou na papeleira, e algo de poesía. 

  • Co teu primeiro libro das a coñecer historias sobre violencia de xénero. Porque consideraches necesario escribir sobre isto?

Había moitos anos que quería escribir o meu caso. É unha maneira de sacalo do meu interior e de liberarme desa pesada pedra. 

  • Foi complexo volver  recordar algún episodio persoal que conforma o relato?

Si. Por momentos tiven que parar porque se me facía moi duro.

  • Trátase, pois, dun libro abertamente dirixido a mulleres...

Poida que si. A min gustaríame que todas as mulleres que están pasando por unha situación similar se atreveran a contalo e, sobre todo, a sair.

  • Aínda que non es escritora de profesión. Que significa para ti a literatura?

Grazas aos libros adquirín todos eses coñecementos que agora xa sei, pero que naquel tempo non puiden permitirme. Non tiña os medios suficientes. 

  • Tes algún outro proxecto literario en mente?

Si. Estou escribindo outro libro. Desta volta, basado en casos reais dalgunha amiga que tamén quere contar o seu caso.

Comentarios