Venres. 19.04.2024
El tiempo

Estudantes de Laxe reflexionan sobre ‘Os Obxectivos do Milenio’ a través dunha exposición

Estudantes de Laxe reflexionan sobre ‘Os Obxectivos do Milenio’ a través dunha exposición
Alumnas e alumnos dos colexios do Concello de Laxe traballarán a partir de xoves día 9 cos materiais da exposición ‘Os Obxectivos do Milenio 2000-2015’. A mostra permanecerá durante algo máis dunha semana no CPI Cabo da Ares. A iniciativa está organizada pola Concellaría de Cultura e Benestar do Concello de Laxe en calidade de membro do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Os paneis elaborados polo Fondo Galego sintetizan as 8 metas prioritarias que os estados membros da ONU fixaron hai unha década na Declaración do Milenio: erradicar a pobreza extrema e a fame, acadar a educación primaria universal, promover a igualdade entre os xéneros e a autonomía da muller, reducir a mortalidade infantil, mellorar a saúde materna, combater a sida e outras enfermidades, garantir a sostibilidade do medio e mais fomentar unha alianza global para o desenvolvemento. Os centros dispoñen das unidades de recursos educativos que complementan a exposición. Nelas recóllense diversos vídeos e textos que o profesorado pode adaptar ás súas clases para dar a coñecer os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM) e concienciar ao alumnado sobre a súa importancia. Os ODM son a principal folla de ruta do sistema internacional de cooperación para o desenvolvemento, no que entidades locais coma o Concello de Laxe se insiren a través do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa do Concello de Laxe.

Comentarios