Mércores. 19.06.2019
El tiempo

Íntegro propaga a inclusión polas escolas

Visita escolar a Integro do CPI Plurilingüe Cabo da Area de Laxe
Visita escolar a Integro do CPI Plurilingüe Cabo da Area de Laxe
Íntegro propaga a inclusión polas escolas

Ao longo da pasada mañá de luns, uns 60 alumnos/as dos IES Terra de Soneira de Vimianzo tiveron a oportunidade de comprobar en primeira persoa as dificultades de desprazarse nunha cadeira de rodas sorteando obstáculos de todo tipo nun improvisado circuíto de mobilidade. Unha nova acción de concienciación directa da familia da Asociación Íntegro, achegando a diversidade e a inclusión á escola a través do programa “A ti tamén che pode pasar”, a campaña de prevención de lesións medulares.

Tras a proxección do vídeo sobre as causas e consecuencias de sufrir un accidente medular, os/as estudantes seguiron con atención a charla informativa protagonizada polo David Pombo e Teresa Alvarellos, vogal e socia-colaboradora, respectivamente. Durante o acto, ambos fixeron especial incidencia na necesidade de evitar riscos innecesarios como imprudencias ao volante ou mergullos en praias e piscinas, prácticas moi habituais entre a mocidade, sobre todo, coa chegada do bo tempo.

Imaxe do programa de prevencion de lesions medulares de Integro no IES Alfredo Branas
Imaxe da sesión de prevención de lesións medulares de Íntegro no IES Alfredo Brañas de Carballo da semana pasada

”Visítanos”

Ademais, un grupo de alumnos e alumnas de 2º e 3º curso de educación primaria do CPI Plurilingüe Cabo da Area de Laxe achegouse esta semana ata as instalacións de Nantón para participar nunha nova edición do programa Visítanos,

Tras unha distendida charla, protagonizada polos nosos usuarios/as e monitoras, na que se abordou o significado de ambos conceptos, os estudantes procederon a realizar unha visita polo centro, xunto á directora Noelia Barreira, para coñecer de preto o seu funcionamento e o traballo que se desenvolve nos diferentes talleres.

Sen dúbida, os obradoiros de artes manuais foron os que máis chamaron a súa atención. E, moi especialmente, o de elaboración de mandalas, ao que se apuntaron sen dubidalo nin un instante para facer cadanseu deseño. A fabricación de pulseiras de macramé tamén espertou a curiosidade dos nenos e nenas, que non quixeron marchar sen aprender esta divertida e sinxela técnica.
Na sala de ximnasia puxeron a proba a súa habilidade e destreza con diversos xogos de habilidade, que lle serviron para comprobar a dificultade de realizar labores cotiás desde unha cadeira de rodas. O paso pola cociña tamén resultou do máis divertido aprendendo a facer riquísimas sobremesas coas que sorprender ás súas familias.

Ao remate, os/as estudantes empregaron toda a súa creatividade e imaxinación na realización dun mural no que plasmaron as súas impresións sobre a xornada vivida no centro e no que, a bo seguro, non deberon faltar palabras como diversión e aprendizaxe.

Comentarios