Laxe ordea a súa imaxe turística controlando a colocacións dos carteis publicitarios
06:18 02/02/19
Unha marquesina de Laxe chea de carteis vellos
Os carteis de festas pegados en calquera sinal de tráfico, nas paradas de autobuses... Un clásico do feísmo contemporáneo da Costa da Morte que pasarán a mellor vida en Laxe. A Concellería de Comercio, Hostalería e Turismo de Laxe, vén de conseguir a probación en pleno dunha "ordenanza reguladora da actividade publicitaria exterior en lugares públicos e outra sobre a explotación de servizos turísticos e venda de artigos de promoción".
Unha idea para "mellorar o estado estético dos lugares comúns e así mellorar a imaxe que proxectamos como pobo e tamén como destino turístico", sinalan dende a concellería de Xosé Manuel Pose. Unha normativa que atinxirá a cousas como os carteis de propagandas electorais, as campañas publicitarias comerciais, e os eventos organizados por entidades tanto privadas coma públicas, incluíndo, obviamente, aquelas organizadas polo propio Concello de Laxe.
A iniciativa pretende servir tamén para concienciar á cidadanía en dúas cuestións básicas:
- Por un lado o feito de que calquera acto de publicidade na rúa debe contar coa respectiva autorización municipal, posto que na maioría dos casos, e por descoñecemento, colócase abundante carteleira e soportes direccionais, que carecen do control, a harmonía e os permisos pertinentes.
- E por outro lado, tomar conciencia xeral de que mellorar o estado dos espazos públicos supón asumir un proxecto de convivencia, que mellora a calidade da imaxe que proxectamos como pobo e como destino turístico.