Venres. 19.04.2024
El tiempo

O GDR Bergantiños aposta polo turismo

O GDR Bergantiños aposta polo turismo

No día de onte reuniuse en sesión ordinaria a Xunta Directiva do GDR “Asociación de Desenvolvemento da Comarca de Bergantiños”. Unha reunión que serviu para acordar a elevación a AGADER da proposta de aprobación de tres expedientes do programa LEADER correspondentes a 3 proxectos. Ademais, a entidade aprobou unha partida para "Difusión turística".

Piscina e mingolf en Laxe

De entre os 3 salientamos a “Ordenación do entorno dun conxunto de casas rurais” localizado no lugar A Torre na parroquia de San Mamede de Sarces (Laxe). O proxecto en cuestión consiste nunha serie de actuacións de acondicionamento da contorna dun grupo de casas destinadas á oferta de aloxamento turístico (hotel rústico de tres estrelas e apartamentos turísticos dunha chave). As actuacións concretas que se desenvolverán son as seguintes: axardinamento das zonas anexas dotándoas dunha maior facilidade de acceso, construción dunha piscina, vestiarios e campo de mini-golf.

Esta iniciativa engade á actividade produtiva da empresa novos elementos que contribuirán a unha maior ocupación sobre todo en temporada baixa. Non existe no Concello de Laxe ningún establecemento turístico que ofreza os servizos previstos (piscina, campo mini-golf). A axuda proposta ascende a 25.972,79 € (28,5% do investimento aceptado).

Maquinaria agrícola

Outro dos proxectos aprobados foi a “Compra de maquinaria para mellora tecnolóxica en empresa de servizos agrícolas”, localizada no Lugar de Cumians (Montemaior – A Laracha) e dedicada á prestación de servizos a explotacións agro-gandeiras da comarca e Concellos limítrofes, sobre todo no referido á preparación e recollida de cultivos forraxeiros.
O proxecto en cuestión consiste na adquisición dunha máquina tractora de última xeración e apeiros de labranza con melloras tecnolóxicas incorporadas e vantaxes relativas a aforro enerxético, mellora de potencia, facilidade de manexo e redución de emisións de CO2. Con este proxecto tamén se trata de crear unha base de datos de rendementos da actividade para disposición da empresa, da Administración ou outras institucións se o estiman oportuno. A axuda proposta ascende a 61.969,88 € (28,75% do investimento aceptado).

Creación dunha Consultoría

"Porta ao financiamento, á innovación e á xestión de talento”, é un proxecto localizado nun anexo dunha edificación catalogada polo departamento de Patrimonio da Xunta como “Casa Grande”, situada na parroquia de Entrecruces (Carballo) e construída no ano 1742, que presenta unha singularidade arquitectónica e natural que confire un atractivo adicional aos servizos ofertados pola empresa.
O proxecto consiste na creación dunha empresa coa actividade principal de Consultoría orientada á dinamización, financiamento e xestión de proxectos colaborativos de I+D+i, por parte de axentes públicos e privados competentes en materia tecnolóxica nos sectores de Biotecnoloxía, Enerxía, Medio Ambiente, TIC e Saúde. A axuda proposta ascende a 13.547,00 € (31,0% do investimento aceptado).

Difusión turística

Por outro lado, aprobouse realizar con cargo á medida 431 (Gastos de funcionamento, adquisición de capacidades e promoción territorial), unha serie de actuacións de difusión e promoción territorial entre as que destaca a proposta de desenvolver un proxecto para a posta en funcionamento dun xeovisor de Turismo e Patrimonio.

O obxectivo principal é desenvolver unha plataforma informática que permita ao GDR Bergantiños converterse nun referente turístico, mediante a creación dunha web baseada en Sistemas de Información Xeográfica que permitirá aos usuarios de internet facer visitas virtuais, programar roteiros, ou obter detalles e información multimedia sobre elementos turísticos e patrimoniais concretos. A proposta tamén incorpora ao sistema de xeoposicionamento, a tecnoloxía de realidade aumentada, que mestura información física con información dixital e que permitiría obter información actualizada en tempo real dos distintos elementos de interese; localizalos na súa posición; obter rutas en tempo real dende onde se atopa o usuario ata o elemento en cuestión; etc... A evolución dos teléfonos móbiles permiten que estes sexan o dispositivo ideal para facer uso desta tecnoloxía de realidade aumentada.

Membros do GDR

A sesión iniciouse coa asistencia das seguintes persoas:

Evencio Ferrero Rodríguez (Alcalde do Concello de Carballo); José Manuel López Varela (Alcalde do Concello de A Laracha); José Luis Fondo Aguiar (Alcalde do Concello de Ponteceso); José Ramón Varela Rey (Alcalde do Concello de Malpica); Carmen Teresa Blanco Cancela da Asociación de Mulleres Rurais Atalaia de Malpica; José María Varela Martínez da Asociación Cultural Monte Branco; Antonio Pereira Rodríguez da Asociación Oleira de Buño; Dolores Fernández García da Asociación ASPABER; Manuel Vázquez Gómez da Venatoria de Bergantiños.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios