O PP provincial comeza o camiño cara o 20N cunha nova reunión en Bergantiños


Trala reunión mantida en Cee esta pasada semana, a cúpula do PP provincial volvía á bisbarra para manter unha xuntanza de traballo, desta volta en Malpica cos responsables locais do partido xudicial de Bergantiños. A idea é a de "marcar a folla de ruta que seguirá o PP de cara ás próximas eleccións xerais".
Esta reunión comarcal exponse como a antesala dunha campaña electoral na que o PP aspira a mellorar os resultados obtidos nas eleccións municipais e fíxase como obxectivo conseguir un quinto deputado nacional no Congreso.
Neste sentido, o Secretario Xeral contrastou a "pésima xestión" demostrada polos gobernos socialistas fronte ao labor da Xunta de Feijóo, a cal "segue mantendo todos os compromisos adquiridos con Bergantiños, a pesar do duro momento económico polo que estamos atravesando".
Calvo destacou, así, actuacións como as obras de mellora dos portos de Caión e de Razo, ademais da autovía da Costa da Morte, que beneficiará directamente a tres municipios de Bergantiños (Carballo, Coristanco e Cabana) e que constitúe un "exemplo práctico do compromiso dos gobernos do PP coa Costa da Morte".
"Está claro que a nosa forma de traballar é outra, porque nós non somos especialistas en grandes actos mediáticos nin enviamos a dous ministros a pór a primeira pedra cando se achegan as eleccións", puntualizou Calvo, en referencia ao Parador de Muxía, cuxa construción empezou esta semana, tras nove anos de atraso.
Retos para a Costa da Morte
En canto aos retos de futuro da comarca de Bergantiños, Calvo mencionou actuacións aínda pendentes de finalización, como a depuradora de Malpica ou a posta en marcha dos centros de día de Laracha e Carballo, e asegurou que a Xunta ségueos tendo presentes.
Novas relacionadas
- O PP comarcal reuniuse en Cee para conseguir un goberno que preste máis atención á Costa da Morte.
- O sector empresarial cobra importancia na nova Deputación.
- Existen ou non as NNXX en Cee?.
- O Parador de Muxía comezará a construirse en setembro.
- Europa non coñece os plans acuícolas da Xunta en Touriñán.
Artigos relacionados
Fonte
- Nota de prensa do PP Provincial.