venres. 08.11.2024
El tiempo

O Teatro escolar atrápanos en Laxe esta fin de semana

O Teatro escolar atrápanos en Laxe esta fin de semana

Non poderemos saír de Laxe esta fin de semana, pois terá lugar o V Festival de Teatro Escolar “TEATRAPA”. O festival, coincidente, coma de costume, coa finalización do Curso da Escola de Teatro Municipal de Laxe que este curso, tivo un total de 57 inscritos, número de alumnado superior mesmo ao dos anos 2010-2011 e ata o de agora nunca acadado.

Durante o sábado 26 e o domingo 27, os grupos de infantil, primaria e de adultos integrantes da Escola de Teatro Municipal de Laxe, xunto coas invitadas de Palas de Rei e Vedra, darán conta do traballo acadado durante este curso escolar grazas ao profesorado que na actualidade dirixe as obras en cada unha delas: Afonso García, do grupo Alentía Teatro.

O sábado 26 de maio terá lugar o primeiro dos encontros teatrais no Concello de Laxe. Ademais de poder asistir ás actuacións dos grupos de infantil e primaria de Laxe, poderemos disfrutar das actuacións dos mesmos grupos de idade das Escolas de Palas de Rei e Vedra. Lembremos que estas actuacións, realízanse a modo de intercambio entre as diferentes escolas dende fai uns anos e que a nosa escola xa estivo actuando nestes concellos durante os meses de marzo e abril.

Programa do V Festival de Teatro Escolar Teatrapa

A programación prevista para o sábado é a seguinte:

  • 12:00 horas – A Rúa dos Soños, representada polo alumnado do Obradoiro Municipal de Teatro de Palas de Rei e Aula de Teatro do CPI de Vedra.
  • 18:00 horas – “Fantasías”, representada polos diferentes grupos da Escola de Teatro de Laxe de infantil e primaria.
  • O domingo 27 ás 19:00 horas, serán as persoas integrantes do Grupo de Adultos da Escola de Teatro Municipal de Laxe, con novos membros na seu elenco, as que representando a obra “Paraíso Laranxa”, amosarán ante o público os obxectivos acadados durante estes últimos nove meses.

Todas as actuacións terán lugar no Salón de Actos Municipal do concello, sendo a entrada para todas elas de carácter gratuíto.

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios