O pleno de Laxe aprobou o orzamento deste 2024

O orzamento de ingresos está fixado en 3.158.140,16 euros, procedendo a meirande parte da contía, 2.878.073,51 euros, a operacións correntes e ingresos. Neste eido, a recadación en impostos directos é de 838.868,52, mentres que 60.000 euros procederon de ingresos indirectos. En taxas, prezos públicos e ingresos percíbense 530.670,101 euros e no apartado de ingresos patrimoniais serán 2.646,53 euros.
Os ingresos por transferencias de capital, sumado á enaxenación de inversións, é de 277.061,65 euros, mentres que as operacións financeiras supoñen unha recadación de 3.005 euros.
No capítulo de gastos, fíxase un orzamento total de 3.036.241,27 euros, dos cales 2.754,969,25 euros se destinarán a operacións correntes unha previsión de 1.065.980,09 en gastos de persoal; 1.573.994,16 en gastos correntes en bens e servizos; 39.395,00 a transferencias correntes; e 70.000 para fondo de continxencia e outros imprevistos.
O gasto en operacións de capital é de 278.267,02 euros e en operacións financeiras de 3.005,00 euros.
No pleno tamén foi aprobada a proposta da alcaldía para o recoñecemento e pagamento de facturas por un importe de 62.384, 67 euros correspondentes coa prestación do servizo da axuda no fogar nos meses de abril e maio por parte da empresa concesionaria deste servizo.
No referente ás mocións presentadas, rexeitouse a proposta formulada polo grupo Unidas Podemos para a posta en funcionamento do punto de atención infantil municipal no vindeiro curso, 2024-2025. O rexeitamento desta medida foi xustificado polo alcalde, Francisco Charlín, pola imposibilidade de cumprir cos prazos propostos, polo que o rexedor indicou que “sendo conscientes da importancia deste servizo e logo do reaxuste tributario derivado da modificación das taxas buscaremos garantir o PAI sempre da mellor maneira, sendo capaces de asumir e ofrecer dito servizo nas mellores condicións”.
O Concello de Laxe aprobou tamén como asunto de urxencia a súa adhesión ao parque arqueolóxico do megalitismo na Costa da Morte.