Xoves. 02.05.2024
El tiempo

A primeira liña da praia de Laxe verá modificada a súa faciana

Zona do Escaravello de Laxe urbanizable
Zona que vai ser pasto dunha urbanización
A primeira liña da praia de Laxe verá modificada a súa faciana

Así se deduce do plan aprobado por PP e PSOE no pleno do pasado 30 de novembro, no que se dá por válido o proxecto de urbanización dunha parcela da zona da antiga mina de Kaolines, no medio do areal e na entrada do casco urbano.

Trátase dun asunto que vén de lonxe, xa dende a primeira lexislatura de Carracedo nos 90, pasando por aquela piscina pantasma de comezos de século, ou de todo o periplo urbanístico co campo do Escaravello dos últimos 20 anos. Porque todos os terreos da antiga mina, que abarcan dende practicamente o campo de fútbol, ata o Escaravello é propiedade da mesma familia.

Hai anos que conseguían, tras unirse varios propietarios da devandita familia, permiso para urbanizar unha das zonas (entre a gasolinera e a farmacia) tras acordar unha permuta con Carracedo. A proposta é realizar dous bloques de vivendas de 3 pisos na zona máis cara o porto, e facer unha serie de vivendas unifamiliares.

Mapa da urbanizacion de Laxe
Mapa onde irá a urbanización

Deste xeito, cos votos de PP e PSOE, cos votos en contra do BNG e UP, queda aprobada a aceptación dos puntos do acordo transaccional remitido ao Concello de Laxe pola empresa Sondeos del Norte, que non afectan ao contido do plan parcial do sector de solo urbanizable S – UBLE 1 do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Laxe, aprobado pola Corporación no ano 2021.

Zonas comúns, a cargo do Concello

O BNG califica de “claudicación” por parte do Concello diante da empresa devandito acordo, no sentido de que o Concello terá que asumir os gastos de urbanización das zonas verdes e espazos comúns, ademais da posterior conservación e mantemento do Sistema Xeral ZV-5 adscrito ao sector de solo urbanizable S.UBLE.1.

O BNG lembra que ademais, o Concello terá que “asumir íntegramente todos os custos que se deriven da conservación e posta en valor do elemento catalogado L24, Restos dos Fornos de secado do mineral da mina de Kaolines de Lage. Deste xeito “os propietarios do sector de solo urbanizable S.UBLE. 1 quedan eximidos de participar nos custos de urbanización da ampliación do sistema xeral viario que coincide coa estrada AC-431 e tamén da execución dun novo acceso viario ao sistema xeral de equipamento deportivo S.G. EQ-10”.

Para Unidas Podemos, o caso está claro: “a Administración local cede ás presións dunha empresa externa”, e considera que a aprobación municipal e “cubrirse ás costas para non ter que ir a xuizo. Faise cargo dun gasto para a urbanización da zona, hipotecando ó pobo”, lamenta considerando o caso “un agravio compararativo e un trato de favor con respecto a outros plans parciais de Laxe, como é o exemplo do do Agra”.

Outra das críticas é que apenas haberá 1 vivenda social de todas as construídas, malia que dende o Concello aseguran que cumplen as normativas. Un goberno local que lanza tamén un comunicado “lamentando que desde a oposición se estean vertendo acusacións infundadas, xerando confusión entre a veciñanza”. Un goberno local que fala de “humanización” e “zona verde” e esquece falar nos comunicados públicos das urbanizacións residenciais.

A sensación de boa parte da veciñanza é de que o Concello suma unha gran hipoteca con este asunto, provocado pola mala xestión non só deste goberno, senón tamén dos anteriores, pero se cadra consideran que o Concello podería apretar algo máis antes de “sucumbir” e deixar de pleitear.

Comentarios