Reiteran a falta grave de mantemento do campo de Laxe
A pasada semana xogaba o SD Laxe na casa, no campo Municipal Cabo D’area, ante o Outes. E no medio do partido acontecía unha situación estrana. Explotaba un dos focos da iluminación e enchía o campo de cristais. O árbitro tivo que parar o partido e malia que non houbo danos persoais, si que deu conta na acta dunha falta grave de mantemento da instalación deportiva.
Aproveita o PP de Laxe para criticar que “estamos a dar a imaxe dun municipio abandonado, que non coida as súas instalacións e que ten un alcalde ao que lle dá igual todo”. O voceiro e candidato, Pérez Añón, lembra que a súa formación xa presentou unha moción no pleno celebrado o pasado maio na que urxía ao Concello a examinar a situación para, posteriormente, levar a cabo os traballos de mellora na instalación.
Dende o club ratifican a grave situación que sofre o campo laxeiro. Están tendo que programar os partidos ás 16:00h porque se non faise de noite e non se ve nada, unha vez que da torreta da que estoupou o foco, só funcionaban dous dos 4 focos, e o que estoupou era un dos que si funcionaba.
Ademais, a situación dos vestarios é lamentable. As obras da planta de arriba, onde están ampliando o ximnasio, están provocando humidades e mesmo pingueiras tanto no vestiario local, como no visitante, e mesmo no do colexiado.