Venres. 05.03.2021
El tiempo

A Rúa do Río non é un río: As trabas da administración para a rehabilitación de vivendas no casco antigo de Laxe

Praza Ramon Juerga deLaxe
Non hai ningún regato que pase pola Praza Ramón Juerga
A Rúa do Río non é un río: As trabas da administración para a rehabilitación de vivendas no casco antigo de Laxe

Un veciño de Laxe quería realizar o cambio de cuberta dun edificio plurifamiliar situado no casco antigo de Laxe. Unha obra que ademais pretendía acadar unha mellora considerable das condicións estéticas da edificación, asimilándoas coas previstas no PXOM para o casco.

Pero ao solicitar a licencia municipal, o Concello trasladoulle que “a tramitación de dito expediente quedaba interrompida hasta obter as autorización, entre outras, do informe previo do organismo “Augas de Galicia - Consellería de Infraestruturas e Mobilidade”. Un Informe que ademais obriga ao propietario a pagar previamente unhas taxa de 134,61€.

A sorpresa chega cando lle din que é necesario “por atoparse a edificación en zona de policía de ríos”, facéndose eco do que sinala o Plan Básico Autonómico (PBA), o plan urbanístico que complementa ao PXOM.

Dende o BNG recollen esta situación para “pedirlle ao Concello que lle traslade á Xunta que o PBA está mal feito” porque “agora afectoulle a un veciño, pero vaille afectar a moitos máis”, explica Xosé Manuel Pose Lema,. O voceiro do BNG local non entende como “hai que pedir un permiso de augas de Galicia por un regato que xa non existe”, lamentando as “trabas administrativas” continuas para a rehabilitación.

PBA de Laxe
Mapa do Plan Básico Autonómico de Laxe

Explica que “todos os veciños da vila de Laxe sabemos que non existe ningún río nin regato que discorre pola Rúa do Río, que cruce a Praza de Ramón Juega e que, atravesando as dunas, desemboque no inicio da Praia de Laxe, a carón do peirao vello”.

E pon un contexto histórico: ”Si sabemos que no Lugar do Bieiteiro existe ou existía un rego ou regato que alimenta un lavadoiro e unha fonte dotada dunha arqueta sumidoiro na súa base, de maneira que ese regato está integrado dentro da rede municipal de pluviais dende fai moitos anos, Ademais, os veciños que hoxe nos aproximamos a cincuentena recordamos con nitidez o regato que nos anos 80 do século pasado desembocaba na praia, despois de circular a través de unha rede de sumidoiros municipal que tiña o seu inicio no Lugar do Bieiteiro, e despois recollía as augas sucias do Matadoiro Municipal para finalmente verter directamente esas augas sucias na Praia de Laxe”.

Lembra tamén que “a finais do século pasado construíose primeiramente o paseo marítimo, canalizándose as augas pluviais mediante un emisario submarino que aínda hoxe discorre paralelo a o “peirao vello”, e anos despois renovouse a rede de sumidoiros na Avda. Rosalía de Castro, canalizándose e integrándose ese vertido de augas sucias dentro da rede de sumidoiros municipal, e selándose o emisario submarino”.

Por iso pide ao Concello que traslade a Augas a inexistencia de dito regato.

comentarios