Xoves. 03.10.2024
El tiempo

Sogama repartirá en Laxe 50 composteiros caseiros

Composteiro
Sogama repartirá en Laxe 50 composteiros caseiros

Seguindo o ronsel doutros moitos concellos, concretamente 227, Laxe decidiu adherirse ao programa de compostaxe doméstica que Sogama lidera en Galicia a fin de que as vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo (horta, xardín e/ou terras de cultivo) poidan autoxestionar a súa materia orgánica e eviten o depósito da mesma nos contedores dispostos a pé de rúa.

Para comezar con esta iniciativa, a empresa pública enviou ao municipio un total de 50 composteiros para que sexan entregados noutros tantos fogares.

Aínda que se trata dunha práctica arraigada no medio rural, onde é habitual separar os restos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de compost, o certo é que a dotación de composteiros ás familias, neste caso con capacidade para 400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables, facilita a fermentación do material e tamén posibilita que o proceso sexa máis cómodo, hixiénico e eficiente.

Así mesmo, a empresa remitiu ao ente local manuais de autocompostaxe para repartir entre os veciños participantes coa pretensión de que lles sirvan de guía á hora de elaborar o compost, pois nos mesmos explícase onde situar o composteiro, que materiais deben -e non deben- depositarse no mesmo, como controlar os parámetros que interveñen no proceso (osíxeno, temperatura e humidade) e cales son os erros máis habituais.

Sogama tamén ofreceu ao Concello a impartición dun curso de formación presencial para trasladar aos veciños as oportunas explicacións sobre a operativa a seguir e resolver todas as dúbidas que poidan presentar. 

Comentarios