Venres. 19.04.2024
El tiempo

The Break 2023

The Break Costa da Morte 12
The Break 2023

Tú que vienes a rondarme
Como los nueve planetas
Parece que cuando bailas
Llueven miles de cometas...

Maria Arnal & Marcel Bagés

-Este antigo valado de pedra está feito coa técnica tradicional da “parede seca”, faise pedra sobre pedra, ou sexa, non hai argamasa para unilo -comenta o noso guía, Manolo Amigo.

Escoitámolo mentres camiñamos o treito entre Laxe e Anllóns, na antiga Ruta Céltica que une Bergantiños con Compostela, recentemente rehabilitada grazas ao labor de concellos e asociacións como Petón do Lobo e mais ao libro de divulgación de Joám Evans Pim e André Pena Granha (Vía Céltica. Os camiños de Santiago por Santa Comba, Costavales, 2021).

Camiñamos ao carón dun grupo de 14 mulleres emprendedoras orixinarias de Portugal, Alemaña, Rusia, Arxentina, Franza, Togo, Hungría ou Cantabria que están a pasar unhas semanas aquí no seo do programa europeo “The Break” sobre Recuperación, Transformación e Resiliencia. Chegaron o 28 de maio a Laxe, coñecinas a semana pasada, nun obradoiro de estampado impartido por CariCa no espazo iSlow coliving, esta preciosa iniciativa de coworking, cosmopolita e familiar, onde están albergadas. “Wow! Amazing! Lovely! ¡Qué lindo! Fermoso! Mmm!” exclaman mentres algunhas danzan como si dun ensaio místico ou panteísta se tratase. Estas visitantes, abraiadas “pola riqueza e diversidade da zona” gozan destes días “que no lles chegan para tanta abundancia” e desta marabillosa experiencia que é a convivencia e o intercambio de saberes, ideas e emocións. O noso futuro como especie e a salvagarda da natureza, figuran entre as súas principais arelas.

A natureza da Costa da Morte é o espazo de acollida deste grupo. A auga das fontes, o berce deste mar de fábula, a paisaxe indómita, constitúense na argamasa de unión de tantas experiencias. Onte foron os camiños ancestrais e os das estrelas, os carreiros de sempre. A partires do mércores, será o labirinto de granito da vella Compostela. Moitas lamentan xa ter que marchar. Cristiana, una bailarina e coreógrafa de Porto, pregúntame se coñezo algún libro sobre a dimensión mística da Costa da Morte. Ela fala así: “este é un lugar moito especial, porque é un espazo de vida, non de consumo. Isto é un lugar para ser”. Escóitoa pensando como recibiría a clase empresarial, promotora do programa The Break 2023, semellante afirmación. Unha idea tan radical como necesaria nesta época, onde todo o mundo danza en termos de marca persoal, de autopromoción, co márketing erixido en marca de auga das interaccións sociais.

Sempre vén ben alguén que lembre a nosa condición esencial, que é transitoria, xa que logo vivimos de paso. E de prestado: este mundo é un alugueiro que nos conceden as xeracións futuras, como di o proverbio indio.

The Break Costa da Morte 1

Onte, ao abeiro da noite na praia de Rebordelo, o noso relator Jorge Mira teimaba nesta idea: somos restos de materia estelar, as nosas partículas pertencen a un sol anterior, extinto, que nos forneceu de materia e de ser. Como fillas da Terra, vivimos “na periferia brillante dunha galaxia mediana, no medio dun mar escuro onde flota o noso mundo”. Son das que pensan que a mística da Costa da Morte, esa dimensión espiritual que transcende os traballos e os días, está á disposición de toda persoa que se atreva a vela e sentila.

Comentarios