Venres. 26.04.2024
El tiempo

The Break: como convencer aos nosos políticos da necesidade de coidar os recursos da Costa da Morte

The Break Costa da Morte na Casa do Pendon Cabana 1
A Casa do Pendón de Cabana acolleu de novo a xornada de posta en común
The Break: como convencer aos nosos políticos da necesidade de coidar os recursos da Costa da Morte

Segunda semana de traballo para o grupo de emprendedoras europeas instaladas en Laxe e Cabana a través do proxecto The Break Costa da Morte. Durante a primeira semana a ducia de profesionais estiveron afondando nas necesidades e oportunidades da nosa comarca, centrando o obxectivo na creación dun plan de acción, unha estratexia a curto e medio prazo arredor de dous proxectos turísticos singulares: a Destino Starlight e Vía Céltica
Precisamente onte un dos grandes protagonistas foi Manolo Amigo, membro da Asociación Costavales, a entidade "culpable" da creación da Vía Céltica, que debullou os inicios, e o estado aínda por completar, do sendeiro xacobeo. 

Un proxecto promovido en toda España pola Escola de Organización Industrial (EOI), e que na comarca se apoia na CMAT para axudarnos a desenvolver estes produtos aínda en proceso de creación. Unha iniciativa que achega talento feminino á comarca para capitalizar na estratexia turística local, sempre dende unha perspectiva de turismo sostible ou ecoturismo, como sinalaba Eva Curto, coordinadora da EOI.

Locals de The Break Costa da Morte
Os locais do proxecto: Yolanda Díaz, Ubaldo Cerqueiro, Manolo Amigo, Virxinia Barros e Inés Silva

Coa axuda dun grupo de “locals” para poder entender mellor a idiosincrasia e situación socio-político-económica da comarca, e un dos ”challenges” que consideraron necesarios foi “traballar no recoñecimento e posta en valor” dos nosos rescursos, é dicir, en convencer aos nosos políticos de que teñen que poñer todo o seu esforzo en facilitar que estes produtos creados dende a cidadanía poidan medrar e manterse.

Porque as mozas están sobrecollidas pola potencia, pola enerxía da nosa comarca, como espazo para “crear algo novo”. “Costa da Morte, place of rebirth” (lugar para renacer) describían, no sentido de que aquí hai “moitas historias sen contar”, e de que aquí é un espazo especial para “enfrontarse ás cousas descoñecidas dun mesmo”.

oznorCO
Costa da Morte, espazo de inspiración

Así o notaba ao comezo da sesión Yolanda Díaz, empresaria do sector turístico de 4ª xeración, que comproba como os visitantes sempre “chegan estreados e saen relaxados: isto é Costa da Morte”, sinalaba vendo as caras máis relaxadas das mozas. De aí que algunha das ideas afondara na posibilidade de convertir a comarca nun espazo de residencia de grupos, nomeadamente de artistas.

Saíron outras accións concretas, como posicionarse en webs estatais e internacionais especializadas en “hiking” (sendeirismo) ou “stargazing” (afección á astronomía), así como ter máis información en inglés sobre a nosa comarca. Tamén destacaron a posibilidade de facer talleres de comida vexetariana para a hostalería da comarca, dada a falta de oferta existente aínda a día de hoxe.

Resultados

O vindeiro 7 de xuño, nunha cita na que non poderán faltan os responsables políticos da comarca, o grupo presentará o seu documento de conclusións e de propostas. Unha estratexia a medio prazo, con accións directas para realizar a curto prazo, que terá continuidade coa chegada, en outubro, dun segundo grupo de profesionais.

The Break Costa da Morte na Casa do Pendon

 

Máis info

Comentarios